Estreamos dominio.gal

Tras máis de 8 anos de traballo, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas puidemos pór en funcionamento a primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, que...

Estrea do dominio .gal

Tras máis de 8 anos de traballo, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas puidemos pór en funcionamento a primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, que é un espazo no que se recollen os prazos e condicións para acceder a este novo dominio, atendendo así unha demanda da nosa sociedade para termos unha mellor presenza na Rede.

directiva do PuntoGal cos presidentes

Agora teremos un prazo durante o mes de xuño no que aceptaremos a un máximo de 90 solicitantes que poderán gozar dos seus dominios .gal a partires do 25 de xullo, mentres que o resto terán que agardar ao mes de decembro.

Os espazos na Rede que poidan ser moi representativos da nosa cultura, lingua ou sociedade serían os primeiros en rexistrar un dominio .gal, mentres que o resto terían que presentar as súas solicitudes entre os meses de setembro e novembro, para que as súas webs puidesen ver a luz cun sufixo .gal en decembro, mes no que se completará o lanzamento do novo dominio de Internet de primeiro nivel, ou sexa, cando se permitirá o rexistro libre baixo o .gal.

Edita de Lorenzo

Este tema foi precisamente o que falamos onte no programa Banda Ancha da Radio Galega, para o que contamos coa presenza de Edita de Lorenzo, vogal da Asociación PuntoGal e directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, que comentou os distintos prazos e condicións para poder facerse cun dominio .gal, como podedes escoitar a continuación.

Ou sexa, que para que este espazo poida responder ao dominio marcus.gal haberá que agardar a decembro, pero dende o verán haberá moitos espazos que si adoptarán o dominio galego, como poderían ser institucións públicas (a Xunta, a Real Academia Galega, as universidades…), asociacións (colexios profesionais, a Mesa pola Normalización Lingüística…) e empresas que o consideren oportuno (tendo estas que pagar unha cantidade bastante elevada, pois estarían a conseguir unha exclusividade importante e axudarían así ao lanzamento do .gal, que por estar respaldado por unha entidade sen ánimo de lucro non deixa de precisar de recursos económicos).

Incluso é posible que algún personaxe célebre da nosa comunidade poida estrear un dominio .gal no verán (para contribuír a dárlle visibilidade ao dominio), polo que esperamos que durante os primeiros meses se vaian asentando os alicerces dun dominio na Internet que consiga establecerse solidamente para manterse na Rede por moitos anos, servindo de distintivo de Galicia e da nosa lingua na Internet.

Portada de La VozTemos que agradecer a atención que estes días os medios de comunciación están a prestar ao lanzamento da páxina web do dominio.gal, pois nas emisoras de radio, informativos televisivos e incluso tertulias (o especial sobre a situación do galega de La Otra Vía citou a posta en funcionamento do dominio .gal), xornais e páxinas web, aínda que admito que quedei bastante decepcionado polo que fixo La Voz de Galicia, pois aínda que gustoume que puxeran a nova en portada, despois vin que iso só pasara na edición de Santiago e que o artigo no interior sobre o asunto estaba escrito en español no Día das Letras Galegas. Pareceume unha enorme falta de consideración cara a nosa lingua. Cousas como esa son as que provocan que haxa que lanzar campañas na liña de Como cho digo, que non deberían ser necesarias. Esperemos que certas publicacións teñan unha maior sensibilidade no futuro.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS