A crise do cine en V Televisión

O pasado venres o programa La Otra Vía de V Televisión foi un dos máis interesantes, ao abordar o tema da crise do cine saberdo abordar moitas das faces...

La Otra Vía

O pasado venres o programa La Otra Vía de V Televisión foi un dos máis interesantes, ao abordar o tema da crise do cine saberdo abordar moitas das faces desta problemática, o que normalmente resulta complicado cando sentamos nunha mesa a representantes dunha industria e non aos seus consumidores. Un programa moi recomendable:

Pero hai algunha cousa sobre os contidos discutidos no programa que quixera matizar:

– Por unha banda paréceme moi triste que dende a Industria continúen a falar dunha confabulación contra o cine español dende a caverna madrileña. A min dáme a impresión de que non é realista iso, principalmente porque estase a conceder unha influencia que certos medios non teñen. Para min o cine español simplemente non é quen de competir coas grandes producións, especialmente por non contar nin cos seus orzamentos nin por centrarse nos mesmos xéneros. Aquí non facemos nin grandes películas de acción nin cine infantil atractivo (menos mal que temos algo en cine de xénero, para que remonten os ingresos dos despachos de billetes).

– Tamén resulta cansino que cada vez que se debate sobre o tema alguén diga que España é un país líder en piratería, pois iso non é certo nin sequera a nivel europeo (como podemos ver en diversos informes). Calquera que vexa como funcionan os mercados asiáticos ou americanos (coa excepción de EE.UU. e Canadá, claro) verá que non só se leva o de ver cine sen pagar, senón tamén a venda de copias piratas (que é algo moito máis grave).

– Penso que tamén é moi miope analizar a situación do cine mirando só ao cine, e obviando que o audiovisual é moito máis amplo. No meu caso en particular, o principal motivo polo que vexo nos últimos anos menos películas é que dedico máis tempo de lecer ao consumo de series de televisión. A ficción televisiva gañou moitísimo peso dende fenómenos como Perdidos e Los Soprano, de xeito que agora a televisión xa non é un xénero de segunda, e iso ten consecuencias claras.

A oferta legal de contidos á carta en España é de risa, e dicir que non é así, e que o problema é o descoñecemento do público da oferta existente non é nada realista. Por exemplo, o catálogo de Filmin só vale para os amantes do cine independente; e no caso de Wuaki.tv, a tarifa plana de 6,99 euros que queren comparar con Netflix é un auténtico insulto á intelixencia. Como exemplo da pobreza do catálogo de Wuaki Selección podemos comentar que apenas ten 50 películas infantís e 16 series de televisión con títulos tan actuais como Campeones, Ruy, el pequeño Cid e David, el gnomo. Vaia, que só seguindo unha das canles temáticas da TDT xa podemos ter contidos máis variados. Dos contidos de ciencia ficción mellor nin falar…
Pero se imos aos contidos de pagamento á carta a cousa tampouco cambia moito, pois aínda que non está mal no que se refire ás películas de fondo de catálogo (con prezos que normalmente van dos 1,99 aos 3,99 euros, o que podería considerarse como o herdeiro natural do videoclub tradicional) cando imos ás novidades a cousa mete arrepíos, xa que filmes como Brave, Oz, un mundo de fantasía e Los Vengadores só están dispoñibles en compra por 13,99 euros en calidade estándar e 16,99 euros en alta definición, cando os podemos atopar en Blu-ray por 12,99, 11,46 e 11,74 euros respectivamente. ¡Delirante!

En definitiva, que o tema continúa a dar para moito, pero o que está claro é que se non se diagnostica ben o problema, dificilmente poderá atopárselle solución.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS