Liquidación no Media Markt: güelcon tu de llanguel

¡Unha feira! Hoxe o Media Markt da Coruña parecía ¡unha feira! Moreas de persoas asolagando un establecemento de xeito irracional, mercando calquera cousa porque a tenda está de liquidación...

entrada do Media Markt

¡Unha feira! Hoxe o Media Markt da Coruña parecía ¡unha feira! Moreas de persoas asolagando un establecemento de xeito irracional, mercando calquera cousa porque a tenda está de liquidación por traslado cun 25% de desconto, como se iso fose desculpa dabondo para tirar cos cartos. ¿Acaso non estamos na costa de xaneiro? Despois dunha campaña de Nadal parece imposible que continúe tal voracidade consumista, pero en vista dos antecedentes (os infames Días sen IVE) parece confirmado o efecto reclamo que teñen os descontos, aínda que sexan case ficticios, en produtos de electrónica de consumo.

colas inmensas

E falo de consumo e non de cidadáns de paseo porque a vaga humana que invadiu Dolce Vita (incluso o aparcadoiro estaba ateigado pese a que apenas quedan espazos ocupados no centro comercial) non estaba percorrendo os estantes senón agardando a que lles entregasen un produto de exposición ou facendo cola para pagar, chegando as ringleiras ata a sección de Informática (a parte máis remota do local).

xente comprando ao tolo

Entre os compradores víase moito televisor e ordenador (produtos nos que é máis doado conseguir algo de aforro), pero o máis normal era ver a xente cargada con moita cousa cativa, nos que dubido moito que o desconto pague a pena. Ter que conformarse co produto en exposición e facer un par de horas de cola para aforrar uns poucos euros, ¿non é de masoquistas? Porque entendo que os desocupados non son precisamente os que teñen que facer cola para mercar produtos que na súa meirande parte resultan superfluos.

Ver como apenas quedaban produtos medianamente coñecidos, os equipos de Apple voaran do mapa e incluso as consolas de videoxogos de nova xeración desapareceran completamente do mapa deixaba imaxinar como foron as primeiras horas do día.

Realmente agora quedaba moi pouca cousa aproveitable. Estiven a facer contas, e non só a meirande parte dos produtos tras aplicar o 25% de desconto podían atoparse máis baratos en Amazon.es, senón que incluso podían mellorarse os prezos na tenda de informática da esquina ou na FNAC (aínda que mellor non citar moito a tal cadea, que bastantes colas ten xa cando fai descontos).

Surface Pro de 64 Gb

Como acontece nos Días sen IVE, case o único que compensa mercar son os produtos que teñen un prezo fixado, como por exemplo os equipos de Apple ou as consolas de videoxogos (a única aproveitable agora sería a PS Vita, que pode adquirirse cun xogo por menos de 130 euros, cando o normal é que supere os 160 euros, aínda que habería que reflexionar sobre se facer unha compra innecesaria é realmente aforrar 30 euros). Aparte de xogos, algunha película solta e algún libro (pero repito, material solto moi concreto, polo que se alguén quere mercar ben debería ir comprobando co móbil os prezos en aplicacións como a de Amazon, para ter unha referencia) a oferta que me pareceu máis interesante é a do , pois antes do Nadal reduciron o seu prezo en promoción, de xeito que un equipo de 679 euros quedaría en 599 euros, e tras o 25% de desconto en 449 euros, o que é unha auténtica ganga para un tablet con Windows 8 Pro, procesador Core i5 e porto USB 3.0 de tamaño completo. Posiblemente un dos mellores equipos do mercado ata que saíu o Surface Pro 2. Supoño que quedaban existencias porque o público xeral non ten idea do que se perde.

Pero, o dito, son poucos os produtos que compensan visitar o Media Markt coruñés de aquí ao sábado, e moitas as molestias. Eu, o que teño claro é que, se algún colega pídeme que vaia collerlle algo, achegareime cun faixo de billetes prendidos cun clip ou unha goma elástica, para poder experimentar mellor o espírito de feira coa que se despide o Media Markt do Dolce Vita.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...