Unha aventura no Espazo e no Tempo

Para prepararse a ver o especial do Doutor Who que celebra o seu 50º aniversario non podo deixar de recomendar ver antes un telefilme da BBC, An Adventure in...

David Bradley como William Hartnell

Para prepararse a ver o especial do Doutor Who que celebra o seu 50º aniversario non podo deixar de recomendar ver antes un telefilme da BBC, An Adventure in Space and Time, que estreouse o xoves pola noite no Reino Unido, e no que viaxan a 1963 para contar os inicios da serie de televisión máis longa da historia centrándose na figura do primeiro Doutor, William Hartnell, interpretado por un magnífico David Bradley, a quen podemos lembrar polo seu papel de Argus Filch nas películas de Harry Potter, ou máis recentemente interpretando a Walder Frey en Juego de Tronos ou ao tolo e antisocial Basil en Bienvenidos al Fin del Mundo. Realmente soubo encarnar a xénese dunha lenda, emocionando tanto na evolución da personalidade de Hartnell como ao amosar a súa decrepitude.

Gustei tamén da aparición de Brian Cox no papel de Sydney Newman, e moitos tamén recoñecerían a Jessica Raine (protagonista de ¡Llama a la comadrona!) encarnando á produtora Verity Lambert.

Exterminate!

Aínda que o mellor de ver este docudrama é que serve para pór en contexto o que supón a longa historia do Doutor Who, da que en Galicia non tomamos parte ata que a TVG emitiu os episodios de Tom Baker, deixando claro que incluso un personaxe orixinal túzaro e rosmón conseguiu gañarse á audiencia, converténdose nun fenómeno.

Recoñecer a figura de Hartnell como o Doutor orixinal honra aínda máis aos seus sucesores, e aínda que para medio mundo o actor máis recoñecible por tal papel sexa Baker (e na etapa actual, Tennant), todos cargan cun manto moi pesado do que esperemos que Peter Capaldi sexa un excelente portador.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS