123.900 euros da Deputación para a Casa da Cultura

Parece que o que parecía a obra eternamente inacabada de Melide, a Casa da Cultura, avanza cara a súa finalización, e a Deputación vén de asinar un convenio a...

Parece que o que parecía a obra eternamente inacabada de Melide, a Casa da Cultura, avanza cara a súa finalización, e a Deputación vén de asinar un convenio a través do que achegará o 80,1% do orzamento total para a seguinte fase de adecuación das instalacións que esperemos poder gozar nos vindeiros meses despois dunha incomprensible reforma que deixouna fóra de servizo durante tantos anos.

A nova sobre o convenio podemos lela na páxina web da Deputación da Coruña:

Calvo e Vázquez asinan un convenio para o financiamento das obras da Casa da Cultura

O presidente da Deputación, Diego Calvo, a alcaldesa do Concello de Melide, Ánxeles Vázquez, e a concelleira de Cultura, Dolores Gómez, asinaron esta mañá o convenio que formaliza o financiamento das obras necesarias para a adecuación interior da planta baixa do Centro Sociocultural de Melide.

A axuda provincial aprobada no convenio é de 123.900 euros, o que supón o financiamento do 80,1% do orzamento total dun proxecto que ascende a 154.861,25 euros.

A esta cantidade hai que engadir os 340.773,45 euros investidos no ano 2009 nestas mesmas instalacións.

Nesta ocasión, as actuacións centraranse no falso teito, as portas de entrada, os acabados dos vestíbulos e escaleiras, a substitución dos paneis de aluminio da fachada, diferentes traballos de albanelaría, así como a pavimentación e revestimento da zona de vestíbulo.

O obxectivo destas obras, nas que tamén se inclúe a instalación e dotación dun sistema de seguridade, megafonía e telecomunicacións, é que a planta baixa poida quedar plenamente operativa, poñendo en funcionamento o inmoble.

Ánxeles Vázquez agradeceu á Deputación da Coruña o seu apoio para “por punto e final a unha obra que estivo dez anos parada” e que, na súa opinión, provocou “moitas carencias á hora de organizar actividades culturais no noso concello”.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS