Convocan o 2º Concurso de Carteis para a Festa do Melindre

Por segundo ano consecutivo a Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Melide, responsabilidade de Santos López, convoca o concurso de carteis para dar a coñecer a Festa do...

Por segundo ano consecutivo a Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Melide, responsabilidade de Santos López, convoca o concurso de carteis para dar a coñecer a Festa do Melindre que terá lugar o segundo domingo do mes de maio, recibíndose pezas a concurso ata o vindeiro 5 de abril. As obras poden realizarse empregando calquera técnica e o gañador recibirá un premio de 300 euros.

Velaquí as bases do concurso:

PARTICIPANTES: Poderá participar calquera persoa maior de 16 anos co número de traballos que desexe, sempre que sexan orixinais, non premiados con anterioridade e co texto en galego.

TEMÁTICA: O melindre e a repostaría tradicional da Terra de Melide, e comprenderá desde ingredientes e procesos de elaboración até a propia festa de exaltación do melindre e a repostaría da Terra de Melide. Deberase ter en conta a festa que trata de anunciar, XXII Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide, facendo especial fincapé nos produtos homenaxeados: melindres, ricos e amendoados.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS: A técnica será libre, sempre que sexa posible a súa reprodución (óleo, acuarela, debuxo artístico, fotografía, collage … ). Os traballos presentaranse en soporte dixital e unha copia en papel. O seu formato de deseño deberá axustarse para que poidan reproducirse en vertical e en tamaño A3.

ROTULACIÓN: O cartel deberá levar o título da festa: XXII Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide- domingo, 12 de maio de 2013. O Concello de Melide resérvase o dereito a engadir posteriormente o seu logotipo para a edición do cartel.

PREMIO: Outorgarase un único premio en metálico de 300 €. O Concello de Melide fará uso da obra premiada, e as persoas autoras cederanlle os seus dereitos para que poida utilizala como cartel anunciador da XXII Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide. Así mesmo, cos traballo orixinais achegados poderá elaborarse unha exposición ou poderán colgarse nunha  ligazón na páxina web.

PRAZO E FORMA DE PRESENTAOÓN DOS TRABALLOS

O prazo de admisión de orixinais finalizará o venres 5 de abril de 2013.

As candidaturas presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Melide, sito na praza do Convento, n25, 15800 Melide. O sobre deberá indicar: “Concurso de Deseño de Carteis da XXII Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide”, incluíndo o seguinte contido:

• Plica fechada cos datos de identificación: nome e apelidos, NIF, enderezo e número de teléfono, fax ou correo electrónico de contacto. Indicarán fóra do sobre o traballo que achegan mediante un pseudónimo ou lema inventado como identificador, que deberá figurar tamén na parte de atrás dos carteis e no soporte informático (CD), pegado ou escrito.

• Achegarase tamén dentro da plica a seguinte documentación: fotocopia do NIF do autor/a, unha declaración xurada de que o traballo non foi premiado anteriormente e que tanto a obra ou composición son inéditos, e unha declaración xurada de que as persoas solicitantes reúnen as condicións exixidas nas bases da convocatoria e que a participación supón a aceptación de todas elas, consentindo a cesión de dereitos prevista.

COMPOSICIÓN E ACTUACIÓN DO XURADO

O xurado estará composto por persoas vinculadas ao mundo da cultura, e actuará como secretario, con voz mais sen voto, o concelleiro de Educación e Promoción Económica ou persoa en quen delegue. A composición do dito xurado, así como a súa resolución, farase pública na páxina web do concello: www.concellodemelide.org

O xurado resérvase o dereito a declarar o premio deserto, se o estimase oportuno.

A decisión do xurado será inapelábel, e non poderá ser impugnada nin sometida a ningunha clase de recurso por persoa física ou xurídica.

ENTREGA DE PREMIOS

A decisión do xurado farase pública antes do día 12 de abril e a entrega de premios terá lugar o domingo 12 de maio de 2013, que coincide coa XXII Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide.

DEVOLUCIÓN DAS OBRAS

O prazo de devolución das obras non premiadas vai desde o 14 até o 31 de maio de 2013.

ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS