Nokia Lumia 920: primeiras impresións

Non é ningún segredo que son un grande partidario tanto de Windows 8 como de sistema operativo móbil de Microsoft, polo que pedinlle a Nokia que me emprestara un...

Non é ningún segredo que son un grande partidario tanto de Windows 8 como de sistema operativo móbil de Microsoft, polo que pedinlle a Nokia que me emprestara un Lumia 920 para poder probalo antes do seu lanzamento en España, e agora que chegou ás tendas coido que é un bo momento para publicar as miñas impresións.

Non é pouco o tempo que puiden pór a proba o móbil insignia de Nokia (unhas 3 semanas) e quedei convencido de que será o meu vindeiro móbil, polo que dedicareille varias entradas no blog durante os vindeiros días, comezando por unhas primeiras impresións que podemos levar ao achegarnos a ese dispositivo do que existen certos prexuízos que convido a desbotar: grande, pesado e con poucas aplicacións.

O asunto do peso e o tamaño é algo a ter moi en conta, pois falamos dun móbil con pantalla de 4,5 polgadas (pequeno, non é, pero tampouco chega a ser un tabletófono) e 185 gramos de peso (un dos móbiles máis pesados que hai no mercado) pero resulta que, cando colles o trebello na man, o peso repártese por todo o seu volume, e non parece tan pesado como é. Diso podemos deducir que estamos ante un móbil non recomendado para a xente que o emprega fundamentalmente para falar (que non é o meu caso), pois pode chegar a cansar suxeitalo durante longas conversas, pero é ideal para quen quere utilizalo como un ordenador na palma da man.

O móbil chegoume unha mañá na que tocábame ir logo ao programa A Tarde da Radio Galega, polo que leveino alí para amosalo, e o primeiro que pasou é que, sen que eu dixese nada, xa me asaltou Alberto Rivero para ver o que era iso que levaba. Agarrouno na man e quedou entusiasmado co formato do terminal.

Temos así que nas mans dun home adulto o Lumia 920 xa non parece tan pequeno, de xeito que o tamaño da súa pantalla fai que sexa máis doado o seu uso (por exemplo, para empregar o seu teclado virtual sen premer dúas teclas á vez) e a lectura tamén sexa máis cómoda (canto máis grande

é a pantalla do smartphone, menos uso téndese a facer do tablet ou do ordenador para a lectura de contidos).

Vaia, que aínda que dentro da carcasa do Lumia 920 puxesen un móbil de prestacións moi inferiores, de seguro que habería a quen convencería, pois as súas dimensións e o seu cómodo agarre e tacto (outro detalle moi ao seu favor).

Outro elemento do que podemos discrepar é no volume de aplicacións, pois o Lumia 920 funciona con Windows Phone 8, que aínda que non poida presumir da cantidade de software que teñen iOS e Android, está bastante ben, coas aplicacións máis habituais: Skype, WhatsApp, Apalabrados, Angry Birds Star Wars… aínda que dese tema falarei outro día.

Meténdonos no software, o primeiro que teriamos que destacar de Windows Phone 8 é que é distinto. ¡Alegría! Cando Apple sacou o iPhone puxo de moda un escritorio móbil baseado en iconas ordeadas nunha cuadrícula, que dende Google imitaron descaradamente con Android (o que aínda canta máis na capa gráfica que inclúen fabricantes como Samsung) e que tamén decidiron seguir en BlackBerry 10, mentres que Microsoft optou por unha cousa a medio camiño entre as iconas e os widgets: uns recadros chamados baldosas ou Live Tiles, que poden configurarse en 3 tamaños distintos, e que serve para abrir unha aplicación, un apartado concreto dunha aplicación (opción moi práctica, por exemplo, para consultar o tempo ou unha sección dun xornal) e para amosar, sen entrar na aplicación, información da mesma (se recibimos e-mail, a predición meteorolóxica, un carrusel de fotografías para dinamizar o escritorio…). Créase así un escritorio vivo e atractivo, que destaca fronte aos seus competidores, e que paréceme moi axeitado de cara ao usuario, pois en vez de estar orientado ás aplicacións, está pensado para o uso que se fai do móbil.

Podemos personalizar o escritorio para colocar as caras dos nosos contactos máis frecuentes, as predicións meteorolóxicas das localidades polas que nos movamos, unha galería fotográfica que queremos ver, o xogo ao que estamos enganchados… facendo así do teléfono un espazo moi noso, que pode ser incluso máis doado de utilizar que un dumbphone unha vez que nos afacemos á súa mecánica de uso.

Pero antes de entrar no escritorio, pasamos pola pantalla de desbloqueo do terminal, e aquí tamén atopamos unha innovación que sorprende que aínda non empreguen oficialmente iOS e Android, que é a personalización da mesma, tanto dende o seu menú de configuración como dende outras aplicación. Deste xeito, podemos facer que a pantalla de desbloqueo teña unha imaxe de fondo definida por nós (ou programar que o fondo vaia alternando fotografías do noso móbil ou incluso da nosa galería fotográfica en Facebook, por citar dous casos) e incluso podemos asignar varios programas para que presenten a súa información na pantalla de desbloqueo, de xeito que, sen acceder ao escritorio do móbil podemos ver se temos correos electrónicos pendentes, se recibimos algunha mensaxe de texto, se temos algunha mención en Twitter ou o nivel de batería do móbil. Todo personalizable, algo que espero que ofrezan no futuro o resto de plataformas móbiles.

A primeira vista o Nokia Lumia 920 é un móbil robusto (dá unha moi boa sensación ao collelo na man, sen parecer que vaia a escachar por estar feito de plástico barato como algún outro móbil), cunha aparencia moi coidada tanto no exterior como na seu software, que sabe entrar polos ollos, aínda que o mellor estea no seu interior.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...