TEDxGalicia 2012: cuarta quenda

Xa para rematar o TEDxGalicia tivemos uns relatorios moi equilibrados, pois foron moi correctos, sen as pequenas decepcións que puidemos levar noutras quendas, pero sen chegar a impresionar tanto...

Xa para rematar o TEDxGalicia tivemos uns relatorios moi equilibrados, pois foron moi correctos, sen as pequenas decepcións que puidemos levar noutras quendas, pero sen chegar a impresionar tanto como o gaiteiro Pablo Carpintero ou o árbitro Nacho Iglesias.

O encargado de comezar esta quenda o profesor Andrés Mazaira quixo falar da quimera do valor, o que levou a comentar en Twitter en plan broma que se Mazaira fose un bo exemplo de valor tería posto aos seu relatorio por título Cun par de collóns na liña de Wicho, que en Internet Es Tuyo 2012 impartiu unha conferencia titulada Es mi Twitter y me lo follo cuando quiero. O bo de Mazaira non só respondeu aos comentarios a través da Rede, senón que incluso parouse a falar comigo un ratiño ao remate do evento. ¡Un fenómeno!

Iso si, desta volta, en vez de quedar eclipsada a súa presentación por outra, foi por un vídeo que puxo para despedirse, que pese a que xa tiña certa sona (foi viral o ano pasado), sorprendeu á meirande parte dos presentes:

Ah, e aparte do fondo da curtametraxe, a forma tamén é digna de mención: gravouse cun móbil Nokia N8.

Tras esta sobremesa audiovisual Diego González explicou a súa experiencia desenvolvendo unha revolucionaria técnica cirúrxica pouco invasiva que está a ter moi boa acollida de xeito global, indicando unha pauta a seguir en moitas intervencións cirúrxicas no futuro, buscando unha mellor recuperación por parte dos pacientes. Unha desas pequenas vitorias de todos os días que axudan a facer un futuro mellor.

A parte formal do evento rematou con Fátima García falando de discapacidades para deixar claro que todos temos eivas para facer certas funcións (para voar precisamos de avións), polo que temos que asumir con normalidade a diversidade funcional. Unha boa lección a ter presente.

Rematados os relatorios, e antes de dicir adeus, puidemos gozar dun bonus track, chegando a escena os violonchelos de Soncello Quartet, para tocar 3 temas, entre os que destacou especialmente o primeiro dos mesmos, que non era outro que o Nothing Else Matters de Metallica, que contou coa voz de Silvia Miramontes para entusiasmar aos presentes. Como aínda non temos vídeos sobre o encontro, para facernos unha idea da peza, velaquí unha interpretación sen voz da canción:

Non podo rematar sen agradecer moi especialmente por todo a Marcos Pérez Gulín, o pai do encontro, quen investiu moito traballo e paixón para facer que o TEDxGalicia continúe o seu pulo. Agardemos que as seguintes edicións rematen con tan bo sabor de boca, e que tamén haxa moitos milleiros de persoas que poidan gozar de xeito non presencial do evento a través de YouTube.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS