TEDxGalicia 2012: terceira quenda

A sesión vespertina do TEDxGalicia deste ano comezou co asesor en comunicación política Santiago Martínez, a quen moitos de seguro que estarían encantados de escoitar para entender un pouco...

A sesión vespertina do TEDxGalicia deste ano comezou co asesor en comunicación política Santiago Martínez, a quen moitos de seguro que estarían encantados de escoitar para entender un pouco mellor os trucos que están a utilizar os políticos á hora de transmitir as súas mensaxes para manipular aos cidadáns, comezando co clásico exemplo da oposición á entrada de España na OTAN por parte do PSOE, que logo tivo que envaiñar, conseguindo salvar o tipo ao xogar coa linguaxe.

O exemplo parece sacado dunha clase de Universidade, e resulta un tanto anacrónica, pero supoño que Martínez elixiuna por ser coñecida e así non entrar a trapo con casos de actualidade que puidesen resultar polémicos. Completou a súa presentación con motos outros exemplos de expresións que empregan os políticos para minimizar o impacto das súas medidas ou duns malos resultados que teñen que facer públicos.

Quedo coa dúbida de se este tipo de manipulación tería algún efecto se a cidadanía estivese debidamente formada.

E chegaron os chakras…

Precisamente sobre a cultura e a formación teño que admitir que a segunda intervención da tarde, a de Carlota Sánchez, case chegou a ofenderme, pois a directora de desenvolvemento económico e fomento do emprego de Novacaixagalicia fixo unha exposición digna de censura por calquera defensor da cultura científica, comezando por falar da maxia do número 7, falando dos chakras (¡manda carallo!), inventando información sobre neuroloxía, dando datos estatísticos que a todas luces parecían inventados e espetando frases que calquera persoa medianamente informada (como que España chegou a ser “o país máis endebedado do mundo”) entende como absurdas.

A oratoria de Carlota Sánchez é boa (aínda que falou aínda máis rápido ca min), a exposición estaba ben fiada e a mensaxe que quería transmitir era boa, pero a falta de rigor nun relatorio deste tipo paréceme algo inadmisible. Sinto ser tan crítico, pero é o que penso.

Software libre e música

O avogado José Manuel Pérez, especializado en aspectos legais da Internet, fixo unha exposición interesante sobre a Internet e as tecnoloxías, pasando polas vantaxes do código aberto e o coñecemento libre, e buscando animar á audiencia a non ter medo á Rede, mensaxe moi positiva, pero que pareceu un pouco fóra de lugar, pois trátase de predicar ante convencidos. Aínda que agora que o penso, é o mesmo que fan os políticos nos mitins.

Vicente de Souza lembrou o relatorio de Jorge Mira durante a actuación de Patricia Moon

Esta quenda de intervencións rematou coa compositora e cantante Patricia Moon, que interpretou un tema en directo para explicar con exemplos o que supoñen os arranxos na interpretación musical, aínda que sospeito que a meirande parte do auditorio quedouse menos cos detalles melódicos e máis coas bromas que se fixeron a través de Twitter ou mesmo con Vicente de Souza xogando a ser o noso sátiro particular. [icon icon=”0034.png”][/icon]

Se non coñecedes á artista, velaquí un dos seus vídeos musicais:

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS