A verdadeira historia da mosca da tele

Esta tarde tiven a fortuna de poder asistir á presentación do libro A verdadeira historia da mosca da tele de María Solar, presentadora do espazo televisivo Zigzag Diario con...

Esta tarde tiven a fortuna de poder asistir á presentación do libro A verdadeira historia da mosca da tele de María Solar, presentadora do espazo televisivo Zigzag Diario con quen tiven a honra de compartir micrófono no programa A Tarde da Radio Galega, e que convidoume ao evento na pasada edición do Foro Unirede.

Do libro podo dicir que é moi divertido, e moi recomendable para cativos duns 10 anos aos que un queira introducir á lectura en galego, aínda que os pais con bo humor tamén poderían optar por lerllo en voz alta a rapaces de menor idade, pois as situacións son divertidas e o xeito de narrar a historia dende o punto de vista dunha mosca é bastante orixinal.

No que á presentación se refire, contou coa presenza do escritor e editor Francisco Castro, quen conduciu o evento, aínda que quedou totalmente eclipsado pola figura de Quico Cadaval, que apadriñaba a María cunha divertida disertación na que contou o que sabía dos bechos, así como unha curiosa anécdota que lle aconteceu en setembro durante A Revista da TVG: resulta que Quico apañou unha mosca da tele no plató, e a gardou na man (podemos ver o puño pechado durante a entrevista que lle fan) para soltala ao final da súa intervención. ¡Xenial!

Non faltou un entomólogo entre o público, polo que puidemos escoitar palabras como tisanuro ou lucecú, o que mesturado coa dieta alimentaria das moscas deu lugar a unha serie de expresións que de reproducir fóra de contexto quedarían moi pouco elegantes. En definitiva, un encontro moi divertido para dar a coñecer ao público un libro máis que recomendable.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS