Son Goku en Viñetas desde o Atlántico ¡e na Radio Galega!

Co gallo da visita guiada pola exposición de Dragon Ball que esta tarde tiña lugar en Viñetas desde o Atlántico no programa A Tarde da Radio Galega quixeron cumprir...

Dr. TNT no Xabarín News da TVGCo gallo da visita guiada pola exposición de Dragon Ball que esta tarde tiña lugar en Viñetas desde o Atlántico no programa A Tarde da Radio Galega quixeron cumprir coa promesa de falar de Son Goku durante unha tarde de verán, contando coa miña presenza como seareiro da serie de televisión e con Carlos Portela (Dr. TNT) na liña telefónica, en virtude da súa etapa no Xabarín Club, cando As Bolas Máxicas estaban a ser un éxito sen precedentes, que sen dúbida contribuíu ao fenómeno Xabarín e á normalización da nosa fala entre a mocidade:


¿Estades dacordo coa miña selección do momento máis mítico da serie? ¿Ou hai algún outro que destacaríades?

Presentador do campionato de artes marciais
Tras un pequeno paréntese tamén puidemos citar algúns dos comentarios da audiencia do programa, que destacou a algúns dos seus personaxes favoritos, entre os que non puiden evitar citar ao mítico presentador do Campionato de Artes Marciais:

Exposición decepcionante para min

Dragon Ball en Viñetas desde o Atlántico

A palabra que mellor define a sensación que transmitiu a exposición de Dragon Ball no Pazo Municipal da Coruña é decepción, simplemente porque agardaba ver algunha cousa interesante, pero o formato escollido coido que escarallou o conxunto da exposición. Para comezar, a metade dos exemplares expostos corresponden aos mangas editados en España da serie Dragon Ball que xa mercara no seu día (polo que para min non tiñan ningún interese), no lugar onde contaba con atopar orixinais había fotocopias, e como detalles adicionais había revistas, fanzines e mercadotecnia que non me sorprendían (coñecía boa parte do material). De feito, coido que só cos videoxogos de Dragon Ball xa era posible facer unha exposición máis completa e rechamante.
E logo, ¿por qué cito o formato como problema? Pois porque na exposición si había algúns volumes moi interesantes, que calquera dos visitantes podería pasar horas ollando… ¡pero estaban detrás dunha vitrina! Ou sexa, que estabamos nunha exposición de portadas, e iso carecía de interese, especialmente sen ter a Antonio Martín para explicar a historia que hai detrás de todo iso (pois non puiden chegar a tempo para a visita guiada).
A exposición pode ser interesante para ser visitada con amigos, parándose en todas as portadas e comentando detalles do manga e da serie de televisión cos compañeiros, rindo ao ver algunha peza de merchandising e pasando o rato identificando os personaxes dun póster que hai na parte central da exposición, pero tal e como visitei eu a exposición a decepción foi total. Falo dunha percepción moi persoal, coa que agardo que coincida pouca xente.

Volve á carga Álex García

Alejandro GarcíaHai un par de anos Alejandro García daba a nota en Viñetas desde o Atlántico presentando un volume autoeditado titulado Terra de Man, obra moi valente que contaba cunha tiraxe de 450 exemplares á venda por 12 euros.
A Álex atopeino en máis eventos frikis na cidade da Coruña, como en ExpOtaku, ao que acudiu disfrazado; pero aínda que onte coincidín con el diante da caseta de Nosolotoys.com, non caera na conta de que estaba alí porque era o establecemento no que estaban a despachar a súa nova obra, El Criminólogo Intergaláctico: The Light of Brigantium, que desta volta chega con tapa dura, texto tipográfico e o logotipo da Deputación da Coruña na súa contraportada (detalle especialmente rechamante):
El Criminólogo Intergaláctico

No que ao interior do volume se refire, coido que o máis que podo dicir é que está na liña de Terra de Man:
Interior de El Criminólogo Intergaláctico
Unha vez máis, confírmase que Álex García é un grande seareiro de Sherlock Holmes, aínda que esta semana aínda non o vin co pucho que o demostra. 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS