Entrevista a Enrique Dans na revista Código Cero

O pasado día 5 coincidimos co profesor e blogueiro Enrique Dans no Xuventude Galicia Net, onde el estaba a impartir un relatorio e no que o programa Banda Ancha...

Enrique Dans no Xuventude Galicia Net 2012
O pasado día 5 coincidimos co profesor e blogueiro Enrique Dans no Xuventude Galicia Net, onde el estaba a impartir un relatorio e no que o programa Banda Ancha da Radio Galega emitíase en directo, polo que aproveitamos a ocasión para falar cun dos ídolos de Enjuto Mojamuto, o que serviunos de base para unha entrevista que publicamos na revista Código Cero, que adiantou a súa edición en formato dixital para celebrar o Día das Letras Galegas (estará dispoñible en papel a semana que vén). Velaquí tedes un resumo da conversa con @edans:

Enrique Dans: «A adopción da tecnoloxía depende da proposta de valor»

Enrique Dans é profesor de Sistemas de Información na IE Business School dende 1990, é colaborador habitual de numerosos xornais e revistas sobre temas relacionados coa Internet e a tecnoloxía e leva dende hai máis de 9 anos un dos blogs en español máis populares a nivel mundial, enriquedans.com. En 2010 Ediciones Deusto S.A. (Grupo Planeta) publicou o seu libro Todo va a cambiar. Tecnología y evolución: adaptarse o desaparecer baixo licenza Creative Commons e dispoñible en distintos formatos.

O mes de maio comezou coa celebración do encontro informático Xuventude Galicia Net, que contou con numerosas actividades entre as que destacaron unha serie de relatorios que contribuían, entre outras cousas, a que a mocidade se animase a emprender, e dentro destas charlas destacou o profesor e blogueiro Enrique Dans, que baixo o lema de “a Rede, os cambios… e ti” pretendía ilustrar o moito que cambiou a Internet nos últimos anos, afectando profundamente ás nosas vidas e abrindo moitas oportunidades para a mocidade e todo o que actualmente entende a nova linguaxe de comunicación nacida na Internet, e á que boa parte da sociedade é allea.
Aproveitando a visita de Dans, puidemos falar con el dos temas sobre os temas que abordou tanto durante o seu relatorio coma no seu libro Todo va a cambiar, editado hai un par de anos, e que serve de lente para ollar esta evolución constante das TIC.

Enrique Dans co seu libro– O seu libro responde ao título “Todo va a cambiar”. ¿Podemos entendelo como unha mensaxe para boa parte da poboación?

– O título non vén dunha reflexión miña, senón do meu editor (Roger Domingo), que sostiña que non podía escribir para o público do meu blog, senón para todo o mundo. Se eu publicase un libro que se chamase “todo cambiou” a xente diría que “non mudou, eu continúo a facer o mesmo”, e moita xente aínda está nese momento, polo que fixemos un libro que sostén que todo vai cambiar, para asegurar na súa fin que todo xa cambiou.

– O texto publicouse baixo licenza Creative Commons, instando a compartir os seus contidos na Rede. ¿Foi unha decisión atinada? ¿Pensa que a súa editorial volvería a repetir tal ousadía?

– Neste caso, sen dúbida que si. Eu tiña un grao de liberdade que normalmente o autor non ten, grazas a que foi a editorial a que quería o libro e podía pór as condicións. Considerei que non era coherente publicar un libro cun copyright estrito. E demostrou funcionar, pois o normal nun libro deste tipo sería ter boas vendas con 3.000 exemplares, e neste caso publicáronse 10.000 de vez, comezando cunhas vendas bastante boas, pero ao aparecer copias do libro en páxinas web de ligazóns as vendas non foron para abaixo, foron para arriba. Canto maiores eran as posibilidades de descarga do libro, mellor foron as vendas; polo que ao final decidín facer a miña propia edición dixital en todovaacambiar.com.

– Ao igual que hoxe en día os xornais xa non poden limitarse a edicións diarias, ¿podemos estar ante a emerxencia de libros actualizados constantemente grazas ás posibilidades do dixital?

– Nalgúns libros ten moito sentido. O que pasou con Todovaacambiar.com é que apareceron moitos comentarios dos que a maioría son correccións, pero que nalgúns casos corresponden a puntualizacións que enriquecen o libro de verdade. Amais, esa edición fíxena bastante tarde, case un ano despois do lanzamento do libro, o que provocou que as vendas do en papel volvesen a subir.
O libro foi bestseller (agora no almacén quedan uns 200), pero grazas aos distintos modelos de publicación (primeiro a edición física orixinal, logo por fascículos nun diario económico e finalmente a edición dixital que contou con patrocinios) cobrei polo libro 3 veces en vez de 1. Economicamente estou encantado.

Enrique Dans durante o seu relatorio no XGN 2012-¿E trasladar ese mesmo tipo de interacción a outros ámbitos da comunicación como a televisión grazas aos novos televisores?

– O televisor conectado é un televisor cun ordenador pequeniño, pero en realidade temos ordenadores moito máis potentes e moito máis versátiles que os podemos pór ao lado da tele, o que fai cada vez máis xente, e a canle que máis se ve é TeleTorrent ou TeleMula. Para motos contidos é moito máis agradable podelos ver no momento que queres, coas pausas que queiras… deixando a televisión tradicional para os eventos en vivo e para as retransmisións que non ten sentido ver noutro momento.

-¿Que falta entón para que poidamos ver que a tecnoloxía pase a ser un elemento habitual e transparente na meirande parte do fogares?

– A adopción da tecnoloxía depende da proposta de valor, que cada vez chega a máis xente. Dispositivos tes de moitos tipos, pero o importante son as cousas que unha persoa pode facer con eles. Deste xeito un dos grandes problemas é que actualmente as ofertas de contidos están moi fragmentadas. Non se pode esperar seriamente que teñamos contratadas 8 ou 9 subscricións a distintos servizos, porque ningún conta cun catálogo completo. A Industria ten que competir coa oferta que está dispoñible nas canles irregulares.

– Iso lévanos a comentar a sona que en España temos de piratas.

– É pura difamación. A cuestión é a situación de mercado. Se aquí puxesen varias plataformas de contidos con condicións razoables poderiamos ver como se reducen as descargas. Aínda que a alternativa ás canles oficiais vai estar sempre.

Enrique Dans no programa Banda Ancha da Radio Galega-¿E non supón un atranco o feito de que os contidos dixitais carezan dun soporte que poidamos posuír cando pagamos por eles?

– Non vexo que haxa unha barreira real. É cuestión de atopar os servizos que realmente interesen. Que quiten problemas en vez de dalos. Actualmente se descargo unha canción de iTunes vou ter problemas para pasala a outros dispositivos, polo que resulta máis doado baixar a canción do Torrent que baixala dun sitio do que non son especialmente sensible ao prezo. Resúltame máis conveniente descargar unha película que pagar por vela en certas plataformas.
No caso dos libros electrónicos o DRM fai que incluso non sexa posible completar a compra dun libro, pois para o usuario medio é como dar cacholadas contra unha parede ao requirir a instalación de numerosos programas para completar o proceso de adquisición.

– En vista destes problemas, ¿cara onde pensa que imos no sector tecnolóxico?

– O futuro é complicado porque as autoridades están a ver a tecnoloxía como unha ameaza e intentan controlala, para o que utilizan escusas de todo tipo (pornografía infantil, piratería, ameazas terroristas…), que non xustifican a censura, xa que en vez de tomar medidas reais contra eses problemas, agóchanse debaixo da alfombra e empréganse como argumento para controlar todo o que facemos na Rede; e iso non pode ser, pois levaríanos a andar na Internet enmascarados, e así rematará por non poderse perseguir nada, ningún delito de verdade.
O que están a dicir os políticos da Internet resulta preocupante, pois non están na Rede en realidade, non a entenden, pensan que todo é negativo… e van tomar as decisións sobre o que poderemos facer nela. É un atranco importante para o desenvolvemento da Rede. Ten que haber un relevo xeracional na política, porque se non estaremos rexidos por xente analfabeta dixital.
Ter representantes que contestan a cousas na Rede, que usan o Twitter, que ven como son recibidas as súas opinións e declaracións… é moito máis importante do que parece.

Aproveito a ocasión por agradecer a Enrique a súa sempre boa disposición. Xa temos coincidido nas ondas radiofónicas, e pese a ser unha persoa cunha axenda moi apertada, nunca pon atrancos para achegar o seu punto de vista sobre os temas da actualidade tecnolóxica que poden resultar de maior interese para o público en xeral.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS