SGAE: ¿o mesmo can con distinto colar?

A última tira de Luis Davila pareceume especialmente boa, por resumir nunha imaxe a complexa situación da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE): Por unha banda temos o...

A última tira de Luis Davila pareceume especialmente boa, por resumir nunha imaxe a complexa situación da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE):
Reixa na SGAE
Por unha banda temos o rechamante que resulta que alguén como Antón Reixa, ao que moitos poden encasillar como un inconformista que na súa etapa musical converteuse en toda unha icona dunha época coa súa formación Os Resentidos, vaia a ocupar un posto asociado a unha imaxe corporativa e patronal; pero iso é culpa dos ollos que miran, posto que Reixa leva moitos anos facendo carreira como empresario do audiovisual galego (a quen podemos agradecer a serie Mareas Vivas, a película O ano da carracha ou o mítico programa da TVG Sitio Distinto). Ora ben, tras escoitar as súas intervencións en #NeThinking penso que está a adoptar unha posición negacionista, en vez de chamar a unha reformulación do sector.

Por outra banda tamén temos a imaxe pública da SGAE, que tras moitos anos de malas prácticas (dende operar como unha organización mafiosa ata violentar a intimidade das persoas) conta cun claro rexeitamento social, o que está a saírlle moi caro a todos os defensores da propiedade intelectual.

Ao final, se non se depuran responsabilidades pola anterior dirección da SGAE (que parecía estar formada por un fato de ladróns) e se reforma profundamente a Lei de Propiedade Intelectual, teremos só un cambio de cara que non poderá arranxar a falta de comunicación entre os dous estremos de boa parte do sector cultural. Crucemos os dedos, e agardemos que as cousas cheguen a bo porto, pois nin os contidos poden producirse a custo cero, nin é normal que continuemos a pensar nas obras audiovisuais como produtos físicos e copias.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS