Grande exercicio de sentidiño en El Correo Gallego

A finais de setembro do ano pasado o diario El Correo Gallego decidiu deixar de publicar as novas íntegras na súa páxina web, remitindo aos usuarios á súa edición...

Terras de SantiagoA finais de setembro do ano pasado o diario El Correo Gallego decidiu deixar de publicar as novas íntegras na súa páxina web, remitindo aos usuarios á súa edición impresa, o que entendo que é como pegar un tiro nun pé (semella máis atinado reforzar a presenza nos novos soportes en vez de facer o contrario), pero no grupo editorial tamén saben facer outras cousas ben, e tras o desastroso peche de Galicia Hoxe (cabeceira da Editorial Compostela nacida como un intento de converter a O Correo Galego nun medio autonómico), sorprende agora coa galeguización do semanario Tierras de Santiago, publicación que busca así devolver ao galego parte do espazo perdido.
Penso que estamos ante unha decisión que só pode cualificarse como de sentido común, pois os 26 concellos no contorno compostelán (entre os que figura Melide) nos que se distribúen de balde os 30.000 exemplares de Tierras de Santiago a principal fala é o galego, de xeito que a súa transformación en Terras de Santiago sexa o máis razoable que podían facer.
Tras o cambio de nome, a publicación irá mudando os contidos ata o galego, conservando algúns textos en español, ou sexa, que tomarán a política oposta á meirande parte da prensa galega, que pese a recibir subvencións polo seu apoio ao galego, sempre marxinan a nosa lingua.
Agora só queda soñar en que nun futuro poidamos ter publicacións como A Voz de Galicia, A Opinión, O Ideal Galego ou O Progreso. ¿Será moito pedir?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS