Coidado coa promoción de El País do vindeiro domingo

Parece que os xornais non dan aprendido, e gustan de colocar no mercado unha serie de produtos tecnolóxicos que só poden responder á descrición de merda pinchada nun pau,...

Promoción de El País
Parece que os xornais non dan aprendido, e gustan de colocar no mercado unha serie de produtos tecnolóxicos que só poden responder á descrición de merda pinchada nun pau, creando falsas expectativas aos seus lectores, que adquiren supostos ordenadores portátiles para logo atopar un produto que vén a ser como unha axenda electrónica disfrazada.
Nesta liña temos agora unha promoción de El País que bota a andar o vindeiro domingo e que recomendo non tocar nin cun pau,  pois o equipo que permite adquirir por 99,90 euros + cupóns non é un portátil de verdade, senón que o Airis Kira con pantalla de 9 polgadas é unha especie de reprodutor multimedia portátil con Android dentro da carcasa dun ultraportátil de baixo custo, no que é unha configuración que como mínimo mete medo. Nin que dicir ten que o dos 299 euros de prezo de venda recomendado é unha mentira (o produto aínda non chegou ao mercado, e de venderse, tería un prezo moi inferior) habitual neste tipo de promocións (para conseguir un efecto rebaixa).
Airis Kira N9010Falamos dun trebello,  que responde realmente ao nome de Airis Kira N9010 (que xa aparece nos foros oficiais de Airis), cunha pantalla cunha resolución de 800 x 480 píxeles (propia dunha pantalla de 3,5 polgadas, non de 9, polo que teriamos píxeles coma puños), un procesador ARM Cortex A8 Core V7 de ata 1,2 GHz (ou sexa, o cerebro dun móbil), 512 Mb de memoria RAM (ou sexa, como o móbil que merquei hai 2 anos), 2 Gb de almacenamento interno (dos que boa parte ocupará o sistema operativo, polo que haberá que mercar tarxetas SDHC para ampliar a súa capacidade), 4 portos USB 2.0 (xa me preguntarán para que, pois os trebellos para Windows non contan con controladores para Android), Wi-Fi, Ethernet, batería cunha autonomía de ata 6 horas (habería que velo), unhas dimensións de 247 x 173 x 24 milímetros e un peso de 0,97 quilos (¡¿Comorl?!  ¿Metéronlle lastre para que pesase máis de 500 gramos?).
Pero logo está o detalle de que o dispositivo din que vai con Android 4.0 e que conta con Flash 10.1, factores que eu poño totalmente en dúbida, especialmente coñecendo os precedentes da marca (especialmente no que ao soporte de Adobe Flash se refire). É tan sospeitoso como o feito de que digan que pode reproducir “vídeos favoritos en calidade Full HD” o que sería a 1.920 x 1.080 píxeles, o que claramente é imposible cunha pantalla de 800 x 480 sen saída de vídeo externa. Pero para min a grande tomadura de pelo é dicir que é un ordenador portátil. Estamos ante un móbil con Android cunha pantalla grande e un teclado, e para iso recomendaría antes pillar un dos smartphones que vende a bo prezo os de Tuenti, que polo menos serven para falar por teléfono e para conectarse por 3G.
¿Canto pagaría eu polo portátil Airis de El País? Nada. É un dispositivo do que resultará complicado facer un bo uso, pois carece de potencial para moverse polas páxinas web modernas con soltura e funciona cun sistema operativo que non está pensado para operar cun touchpad a xeito de rato (senón que deseñouse para unha pantalla táctil), polo que o máis probable é que a meirande parte de aplicacións e xogos non funcionen debidamente. Este tipo de produto só serve para encher a casa de refugallos ou para amargar aos pequenos da casa cun agasallo que non manterá a ilusión ata despois do primeiro acendido do equipo.
Este tipo de promocións están no límite da publicidade enganosa, e se os responsables dos xornais soubesen o que están a facer, evitaríanas a toda costa.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...