Quero bailar con alguén

Ao escoitar esta mañá a nova do pasamento de Whitney Houston, pasáronseme pola cabeza eses primeiros discos dela que aínda conserva o meu irmán en vinilo (o terceiro disco...

Discos de Whitney Houston
Ao escoitar esta mañá a nova do pasamento de Whitney Houston, pasáronseme pola cabeza eses primeiros discos dela que aínda conserva o meu irmán en vinilo (o terceiro disco coido que o mercara eu en casete), e quixera lembrar a súa figura artística neste espazo, aínda que só sexa polo que significou para o mundo da música e para as nosas vidas.
Aproveito para comentar que me parece moi inxusto algo que coido que vai acontecer nos vindeiros días, e é que a morte de Whitney non vai causar tanta sensación como a de Amy Winehouse, cando esta última case era unha one hit wonder da que ninguén daba un can polo seu futuro, mentres que a cantante norteamericana tivo unha carreira meteórica que vai resultar difícil que supere ninguén, especialmente polo feito de que vender 170 millóns de discos para unha cantante actual é impensabble.
Tamén quero reivindicar o seu meirande éxito, I Wanna Dance With Somebody (Who Loves Me):

¿Son o único que pensa que a canción non fala para nada de bailar?

A reivindicación vén porque en distintos medios parecen ter esquecido toda a carreira de Whitney Houston como cantante, como se o único que fixese na súa vida fose a banda sonora de El Guardaespaldas. Si, dese disco vendéronse nada menos que 44 millóns de copias, pero non podemos esquecer que I Will Always Love You é un temazo de Dolly Parton que podiamos ver na película que fixo con Burt Reynolds (La casa más divertida de Texas):

Tamén sería inxusto falar de Whitney sen comentar que o xénero musical no que reinaba (o R&B) está a quedar sen as súas principais figuras, xa que hai poucos meses tamén deixounos Michael Jackson (quen reinaba nas listaxes de vendas co seu Thriller, seguido nos seguintes dous postos do xénero por Whitney), de xeito que agora o facho que ilumina o R&B queda na man de Mariah Carey, que non parece estar á altura, aínda que soubo aproveitar moi ben o parón creativo de Whitney nos anos 90 para ocupar o seu espazo. Curiosamente unha das artistas que podiamos considerar madriña do xénero (de xeito literal no caso de Whitney), Aretha Franklin, pese a ter 69 anos, aínda estaba a dar guerra ata hai ben pouco:

Unha mágoa que as artistas actuais non saiban manter o tipo dese xeito ao longo do tempo.

En vista de tantas mortes prematuras entre os artístas que escoitaba de mozo, só podo dicir unha cousa: ¡Que alguén avise a Prince e a Rick Astley! ¡Que teñan coidado! Xa sabedes, toca mirar aos dous lados da rúa antes de cruzar. 😮

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS