Localia Coruña bota o peche

O espellismo da TDT comeza a desaparecer, e ao igual que agora temos que na televisión estatal o 85,5% do mercado publicitario está en mans de só 2 empresas...

Plató de informativos de Localia Coruña
O espellismo da TDT comeza a desaparecer, e ao igual que agora temos que na televisión estatal o 85,5% do mercado publicitario está en mans de só 2 empresas (Antena 3 e Telecinco), no ámbito local a cousa aínda está peor, deixando claro que o concurso público de licenzas para as emisoras galegas foi un desastre, xa que fixo pechar canles consolidadas (como Telecoruña) mentres que as adxudicatarias ou non chegaron a emitir ou pechan unha tras outra.
O caso coruñés é posiblemente o máis triste de toda Galicia, pois partimos dunha situación na que Telecoruña e Localia loitaban pola audiencia en analóxico a ter un único axente activo na TDT (Localia) e 2 adxudicatarios con moito morro (2 editoras de xornais teñen licenzas e sen explotar, de xeito que nin emiten nin deixan emitir a outros). O público perdía así contidos locais, pero agora a cousa vai a peor, pois tras o cese do programa Turkía agora faise oficial o peche definitivo de Localia Coruña, deixando á cidade herculina sen televisión local.
Cartel co logotipo de LocaliaO cese de actividade da compañía comunicouse aos só 6 traballadores que quedaban despois dunha forte reestruturación onte pola mañá, e espérase que nun par de semanas rematen as emisións dunha canle histórica na cidade. Os contidos locais da Coruña quedan así fóra da televisión, o que é unha perda moi importante para a cidadanía. Síntoo moito polos compañeiros de Localia, pero egoistamente debo dicir que a perda de medios aféctanos a todos.
A cousa non parece quedar aí: Localia Pontevedra cesou as emisións locais hai un par de semanas e Localia Vigo desfaise do 40% dos seus traballadores, no que parece un prólogo do seu peche, ao que parece que acompañarán moitas outras televisións locais (oín que TV7 tamén estaba a pechar e que Santiago TV podería ir polo mesmo camiño). Mentres, parece que as emisoras piratas con botadoras de cartas intentan invadir as ondas galegas 🙁

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS