Viñetas desde o Atlántico rende tributo aos superheroes

Onte puiden ir ver a exposición de orixinais de superheroes que teñen estes días no PALEXCO, no que podería ser unha das mellores exposicións da historia de Viñetas desde...

Entrada do Palexco
Onte puiden ir ver a exposición de orixinais de superheroes que teñen estes días no PALEXCO, no que podería ser unha das mellores exposicións da historia de Viñetas desde o Atlántico, con material bastante variado, e case todo de grandes autores, chegando ata comics bastante actuais, de xeito que é moi doado ter lido algúns dos comics dos que poden verse os seus orixinais.

Clara de Noche
Como vén a ser habitual, no PALEXCO había unha recepcionista de excepción, Clara de Noche, coa que bastante xente saca fotos un tanto curiosas.

Batman
Pero unha vez que entras na sala de exposicións, atopas ilustracións de Superman e Batman, polo que a cousa comeza forte, con material de grandes referentes como Curt Swan.

Green Lantern
Aínda que eu o que agradecín especialmente é que estivesen expostos varios orixinais de José Luis García López, tanto das súas contribucións a algún cómic como as súas xa clásicas fichas de personaxes como Flash ou Green Lantern.

Wonder Woman
Tamén gustei da presenza de ilustracións de George Pérez, no que consideron que eran os seus bos tempos, mentres que autores do seu tempo como John Byrne tiñan orixinais moito menos destacables.

Marvel
Había moitísimo material máis, incluíndo carroña marvelita 😀 , pero coido que o mellor é que quen guste do xénero dea un paseo pola exposición (poderá visitarse despois de que remate Viñetas desde o Atlántico, para que os rezagados non a perdan).

Ah, e xusto ao final da exposición dos superheroes tamén había unhas láminas que repasaban a historia dos Pitufos, que eran interesantes para que quixese introducirse nos personaxes pero que omitía certos elementos de peso en España como ao Padre Abraham e os discos dos Pitufos Makineros.
Curiosamente buscando o vídeo do Padre Abraham e os Pitufos vexo que alguén atopoulle un certo aquel con Mariano Rajoy:

A verdade é que quedoulles unha versión divertida de La Canción de los Pitufos 😀

Oktoberfest
En cambio, hoxe foi un día moito menos produtivo (nin había tanta xente en Viñetas, nin vin expsocións destacables), que comezou coa desagradable sorpresa de ver que xunto ao PALEXCO estaban a celebrar o Oktoberfest en agosto. ¿Qué será o seguinte? ¿O magosto para agosto como dicían Os Resentidos?

Príncipe Valiente
Din unha volta ata a Praza de María Pita, para ver que xunto a estatua da heroína local había unha figura cutrísima do que parecía unha muller disfrazada do Príncipe Valiente (confirmáronme que era o mesmo Príncipe, pero eu non me fío).

Astérix e Obélix
Na casa do Concello estaban un ano máis Astérix e Obélix vixilando a porta, e resultoume curioso o detalle de que moitos nenos sacasen fotografías con Obélix (moitos tamén dáballe unha aperta), mentres que as rapazas que por alí pasaban tendían a imitar o xesto de Astérix para retratarse xunto a súa figura.

Exposición de Valentina
Pero a exposición que había no Concello foi unha auténtica decepción para min, pois coido que tiña un bo recordo do Valentina de Guido Crepax, e o que vin pareceume unha obra que ía en decadencia co tempo (¿son o único coa impresión de que nos 80 e 90 Crepax debuxaba peor que nos 60-70?). Supoño que é moi difícil estar á altura dos orixinais que se poden ver no PALEXCO. 🙁

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS