Conta atrás para as municipais: o noso Gaiás

Un dos asuntos máis polémicos en Melide nos últimos anos foi o derrubamento da Casa da Cultura para unha reforma que se disparou tanto en orzamento como en prazo...

Un dos asuntos máis polémicos en Melide nos últimos anos foi o derrubamento da Casa da Cultura para unha reforma que se disparou tanto en orzamento como en prazo de execución, lembrando aos veciños o que pasou coa Cidade da Cultura do monte Gaiás, e que nos vindeiros meses vai chegar á súa fin segundo podemos ler na páxina web do Concello:

INVESTIMENTO DE 340.000 €

Últimas actuacións do Concello de Melide para a apertura do auditorio da Casa da Cultura no mes de maio

Interior da Casa da CulturaO goberno local prevé abrir ao público a zona do auditorio no mes de maio grazas ao bo avance das obras.O equipo de goberno ten xa asegurado o investimento de 500.000 € para o remate total da instalación, procedentes dos orzamentos do Estado.

As obras da Casa da Cultura de Melide avanzan a bo ritmo, e agárdase que no vindeiro mes de maio poida abrirse xa ao público a zona máis demandada, que é a do auditorio, patio de butacas e escenario. A correspondente á sala de exposicións xa está rematada hai máis de un ano.

Ver o resto da nova ▼

Unha mágoa que non chegase o remate da obra antes da campaña electoral, pois o sitio era propio para moitos dos actos políticos.
Iso si, aparte do remate da obra, agardo que dean un bo lavado exterior ao edificio, que está todo porco e envelleceu moito nos moitos anos da súa execución.
Polo momento xa vai a cousa co derrubamento do transformador eléctrico de Gas Natural-Fenosa na rúa:

ELIMINACIÓN DO FEÍSMO

O Concello de Melide elimina o feísmo na rúa Galicia co derrube dun tranformador de formigón

Transformador antes e despois
Logo de tres anos de negociación con Fenosa, a empresa eléctrica accedeu ao derrube dunha torre de formigón que marcaba negativamente o feísmo da rúa.

O equipo de goberno de Melide acometeu esta mañá unha mellora aparentemente simple, pero de longas negociacións para a súa execución. Trátase da retirada do transformador de formigón que a empresa eléctrica Fenosa tiña instalado a carón da Casa da Cultura, e que se atopaba neste emprazamento dende hai 50 anos.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Manuel Prado, asistiu esta mañá ao derrubamento da torreta e ao novo emprazamento dos servizos que esta prestaba, nun habitáculo instalado para ese fin no interior da Casa da Cultura. O concelleiro amosouse satisfeito de que “por fin poidamos facer uso desta beirarrúa sen o obstáculo que supoñía esta torre, e cuxa demolición era unha vella e constante demanda da veciñanza”.

O edil socialista afirmou tamén que “é un xesto pequeno pero un importante avance na eliminación do feísmo urbanístico nunha zona que ademais acaba de ser completamente remodelada e que conta agora cunhas beirarrúas amplas e cómodas”.

O que si impresiona e o derrubamento da torre de formigón captado polas cámaras de Dez TV:

Esperemos que nuns poucos meses, todo iso pase ao esquecemento, e poidamos gozar dunha Casa da Cultura como fixemos con normalidade durante menos anos dos desexables (as obras están a durar case tanto como o seu período previo de actividade).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS