Memoria Pixelada, novo blogue en galego sobre o mundo dos videoxogos

Nos pasados días coñecín un novo blogue feito por un mozo do rural galego, Juan Skaltum Salgado, que decidiu estrearse no blogomillo cun espazo chamado Memoria Pixelada dende o...

Skaltum botando unha partida ao Guitar HeroNos pasados días coñecín un novo blogue feito por un mozo do rural galego, Juan Skaltum Salgado, que decidiu estrearse no blogomillo cun espazo chamado Memoria Pixelada dende o que difundir novas sobre videoxogos coa novidade de que as redactaría en galego, mentres que o resto de espazos semellantes prefiren utilizar o español coma lingua vehicular pese a iniciarse moitos na nosa terra.

Memoria Pixelada

Para que a xente soubese desta nova publicación pensei que mellor que limitarme a pór unha ligazón á mesma, podía facerlle algunhas preguntas a Skaltum para saber un pouco máis da súa persoa e o que lle levou a emprender esta aventura:

– ¿Poderías contarnos de onde vén a túa afección aos videoxogos?
Podo dicir sen ningún tipo de medo, que medrei cun pad na man. Dende que me agasallaron a NES, quedei totalmente imantado por este mundo, e de isto xa fará uns catorce ou quince anos, así que podo presumir de pertencer a unha xeración de xogadores que viu evolucionar de maneira constante esta cultura. E con esta evolución non me estou referindo a progresión na calidade dos videoxogos (que moito habería que discutir), estoume referindo ao enorme salto tecnolóxico que supoñía cada cambio de xeración.

– E vendo a túa longa experiencia coma xogador, ¿poderías facer unha escolla dos títulos dos que máis gustaches?
Sería complexo elixir simplemente un par de xogos despois de tantos anos xogando, así que vou citar os que máis me marcaron:
Banjo-TooieBanjo Tooie: sen dúbida o mellor plataformas que existe , na miña opinión por enriba do grande Mario. É complexo describilo, xa que o tiña case todo, dende uns gráficos impresionantes, duración lonxeva, enormísima variedade de situacións, un apartado sonoro impresionante, misións secundarias do máis entretidas… Imprescindíbel.
Primal: Un dos xogos que pasou sen facer moito ruído aos inicios da PlayStation 2, pero que dende logo posuía un desenrolo e un argumento dos máis entretidos. Por algún estraño motivo engatusoume.
ICO: unha historia tan entrañábel, preciosa e máxica converteuse nun claro referente do que pode ser un xogo impresionante.
Gears of WarGears of War: hai un par de anos ninguén pensaba que unha consola puidese mover uns gráficos tan impresionantes.O frenético estilo que o define, o carácter adulto xunto unha xogabilidade innovadora, foron os responsábeis de introducir este título no podio dos mellores. Foi o verdadeiro inicio desta nova xeración.
Non quero deixar de mencionar outros títulos como Zelda: Ocarina of Time, Super Mario Bros 3,Metal Gear Solid 3, God of War e tanto outros que axudaron a elevar a calidade nas consolas.

– Vexo que tanto lle das a videoconsolas de Nintendo coma se Sony. ¿Tes predilección por algunha plataforma en concreto?
Non son moi de mirar qué consola ten máis opcións, nin cal lee máis formatos, simplemente me fixo nos seus videoxogos e hai que mencionar que nesta xeración a batalla sobre consolas está moito máis igualada que na xeración anterior. Así e todo, supoño que me decantaría pola Xbox 360 polo feito de ser máis rendible, ademais hoxe por hoxe penso que contén o mellor catálogo de todo o elenco de videoconsolas desta terceira xeración.

– Pero para informarte de todo o tocante ao sector, supoño que terás que tirar de moitas fontes na web.
No meu blogue teño un enlace directo cos medios que sigo a diario. Mondo Píxel e HADOUKEN liderado por John Tones, conteñen textos e artigos do máis interesante que se pode atopar, aínda que non se centra moito nas últimas novidades. Para este fin, bótolle unha ollada a Anaitgames, cada vez máis obxectiva páxina (cousa difícil de atopar) ou Gamesajare e Akihabarablues, tamén medios bastante entretidos e fiábeis.

– ¿Cal foi o motivo que che levou a escribir un blogue sobre videoxogos? ¿O seu nome ten algún significado especial?
Sempre me quixen dedicar a algo relacionado cos videoxogos,como redactor nalgunha revista ou páxina, pero como vexo que se vai a converter nun soño frustrado, pois vin no blogue unha forma de enganar as miñas propias ideas.
E con relación ao nome, foi moi sinxelo, simplemente me abondou con pensar nos mellores momentos que pasei ao longo da miña existencia, e coincidía que en case todos eses bos momentos, atopábame xunto a unha videoconsola.

– ¿Que foi o que levou a que escolleses o galego coma lingua para escribir o teu blog?
Despois de tentar buscar blogues e páxinas en galego dedicadas exclusivamente a este mundo e quedar frustrada a miña busca, polo número tan limitado atopado, pensei que sería o momento de que alguén se puxera a facelo, porque estou seguro de que existirá unha minoría, e dentro desa minoría unha elite, que lle agradará ver todas as noticias neste idioma tan castigado. É ben triste, que na propia Galiza e os propios galegos non se preocupen nin sequera polo seu propio idioma, pola súa propia fala, é ben triste que prefiran ver as novas noutra escrita que non sexa a nosa.
Con isto son consciente de que me sacará moitos lectores o propio feito de que escriba no meu galego, pero creo que é preciso botarlle unha man a esta lingua, e prefiro aportar o meu graíño de area, a quedar indiferente ante esta situación.

– ¿Poderías comentarnos cal é a túa visión da situación do sector dos videoxogos na nosa comunidade autónoma? ¿Percibes algún tipo de fenda dixital no lecer electrónico?
participantes do Xuventude Galiza Net dándolle ao vicioParece ser que Galiza é unha das comunidades autónomas que máis videoxogos consome, así que penso que neste apartado non estamos tan mal. Ademais da existencia de xuntanzas dedicadas á electrónica como Xuventude Galiza Net, fai que se apoie de forma indirecta á situación dos videoxogos.
Con referencia á segunda pregunta, penso que para os consumidores, a principal fenda que podo atopar é a enorme calidade de títulos ruíns que sacan ao mercado. Do único que se preocupan as compañías é de sacar o máximo número posíbel de videoxogos no ano, sen preocuparse de ningún dos seus apartados.
Tamén é certo, que para os creadores, a principal fenda que atopan é a piratería, pero é un tema que se lle dá máis importancia da que verdadeiramente ten. O sector dos videoxogos é un dos que máis beneficio ofrece, así que non sei porque tanto problema, ademais, para rematar coa piratería deberían ceder un pouco tanto creadores como consumidores, e non creo que estean dispostos ningún dos dous bandos.

– ¿Cómo valoras a actividade galega no sector con páxinas web coma Vandal.net ou Botafumeiro e podcast coma El Complejo Lambda?
Honestamente, destes tres exemplos que mencionas, ningunha se pode considerar verdadeiramente galega, xa que non conteñen ningún característica que nos represente. Actividade galega neste tema é moi limitada, de feito moi pouquiñas páxinas atopas relacionadas con este sector.

– E sobre o fenómeno dos podcast de videoxogos, ¿paréceche normal o crecemento esaxerado do fenómeno nos últimos anos? ¿Segues algún destes medios?
Parece que a xente busca información noutros lugares a parte de páxinas, así que atoparon nos podcast un forma cómoda de enterarse das novas. Pero como en todos os medios, hai que ter moito tino, xa que a obxectividade hoxe en día é bastante difícil de atopar e con isto veñen os publirreportaxes.
Por iso prefiro ler blogues, xa que normalmente nestes, non teñen problema ningún en dicir se un xogo é unha bazofia ou pola contra vale a pena.
Tamén é certo que non hai mellor crítica que a nosa propia.

– Os videoxogos están a perder forza nos quioscos e pasan a vivirse con moita forma na Internet, a través de portais temáticos, blogs e mesmo podcasts, pero ¿cómo explicas que tal éxito non se traslade á televisión?
Algún programa na televisión houbo, como One on One, pero parece ser que aos espectadores non lle interesaban estes programas, e por un lado é normal, xa que a calidade destes tampouco era ningunha esaxeración ademais de emitilos nunha hora bastante indesexada.
Hoxe en día, existen moi poucos programas dedicados aos videoxogos, pero non me chaman demasiado a atención.

– Para rematar, ¿qué esperas do teu blogue? ¿Algunha idea de cara ao futuro?
Nunca se pode esperar nada para que a frustración sexa menor, pero gustaríame que o meu blogue se convertese nun pequeno referente neste mundo dos videoxogos. De feito, tento ser o máis obxectivo posíbel con todas as miñas críticas, por suposto que as miñas opinións tamén estarán plasmadas, as cales lle gustarán a uns e desgustarán a outros, pero estou disposto a ler calquera tipo de comentario.
Nun futuro gustaríame incluír un apartado de cine, que ben sabemos que o cine e os videoxogos están bastante ligados, aínda que iso sería no caso de que o meu blogue tivese credibilidade nos lectores.

Parece que temos unha persoa máis no grupo que opina que os videoxogos son un produto cultural moi subxectivo, polo que non podemos fiarnos de certos medios para informarnos; de aí que os blogs teñan un peso moi importante á hora de separar as obras mestras dos truños. Agora temos unha fonte máis da que beber, e agardemos que manteña o pulo durante moito tempo.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Videoxogos de papel

    A nostalxia ten moita forza, e de cando en vez serve de inspiración para fermosas marabillas, como o vídeo de Eric Powers no que fixo un repaso da historia...
  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Jon Secada no Luar

    E se Jon Secada fose un youtubeiro?

    O 13 de setembro foi un día moi especial na Televisión de Galicia xa que volveu á grella da programación o programa Luar contando coa presenza excepcional de Jon...
  • Novo viral da TVG

    Na Televisión de Galicia hai momentos que pasan á historia, como cando en 2007 ao reporteiro Alberto Mancebo unha nena nunha gardería espetou un sonoro «nos pegan» ou cando...