Eleccións galegas 2009: seguindo os resultados

Grazas a Soitú.es podemos facer un seguimento dos resultados electorais en directo: Este ano na casa vivimos dun xeito moi distinto as eleccións por contar co meu irmán nunha...

Grazas a Soitú.es podemos facer un seguimento dos resultados electorais en directo:

Este ano na casa vivimos dun xeito moi distinto as eleccións por contar co meu irmán nunha mesa electoral coma vogal (quedando coas gañas de ir a Cifras e Letras), polo que supoño que dentro dunhas horas contará algunha anécdota do día. Polo de pronto xa dixo que un señor chegou preguntando se era aí onde se votaba por Alianza Popular… ¡mi ma!
Xurxo facendo de vogal na mesa electoral
En Melide a xornada foi coma moitos outros anos, e non acabo de estar cómodo con iso de que haxa que cruzar un estreito corredor para chegar ás distintas mesas de votación. Sería mellor que houbese un local cuns accesos máis amplos… pero éche o que hai.

Confirmo que a web www.resultadoseleccions.xunta.es anunciada o pasado 11 de febreiro non está operativa, porque funciona sen o sufixo www. ¿Tanto custaba habilitar unha redirección?

ACTUALIZACIÓN (20:55 horas): Twitter bota fume, Vieiros está caído, La Voz di que se van repetir os resultados de 2005, e os resultados provisorios co 4,83% escrutado son os seguintes:
resultado Galicia
Non só sorprende que o PP teña maioría absoluta, ¡senón que Xoán Gato entre no Parlamento de Galicia! Mentres que en Melide, co 8,81% quedaría así:
resultado de Melide
Flipo cos curiosos votos ás forzas minoritarias.

ACTUALIZACIÓN (21:05): Co 13,96% do escrutinio completado en Galicia remata o soño de Xoán Gato:
Terra Galega perde un escano
En Melide, co 16,65% do escrutinio o PP reforza as súas posicións:
O PP medra en Melide
Estou sorprendido polos datos melidenses, pois contaba con que a alcaldía do BNG mermitise medrar ao Bloque na vila, e parece ser xusto do revés. ¿Un exemplo de que contar o número de asistentes a un mitin non serve para nada?

Vieiros finalmente volve a estar en liña, pero amosa información pouco actual (supoño que por mor do colapso das últimas horas). Coido que Xornal.com tamén tivo algún problema, e neste momento están a pasar bastante do seguimento en vivo (falan de resultados cun escrutinio do 4%). Dende A Nosa Terra aínda están a falar das enquisas. Vese que é difícil combinar os datos de última hora coa redacción de artigos en profundidade.

ACTUALIZACIÓN (21:25): As cousas seguen sen cambiar, e co 33,06% escrutado o PP segue en maioría absoluta e o bipartito vese moi castigado:
O PP segue coa maioría
En Melide, a cousa queda coma sempre (o PSdeG e o BNG moi empatados, e o PP arrasando):
En Melide queda a cousa como estaba
Haberá que agardar un pouco máis para sacar conclusións, pois en cada unha das miñas actualizacións o PP perde un 1% dos votos.
Vieiros volveu petar, e Xornal e ANT sen actualizar 🙁

ACTUALIZACIÓN (21:40): Segundo aumenta o escrutinio (57,38%) baixa a porcentaxe de votos para o PP, pero a marxe que ten é moi ampla:
O PP vaixa moi pouco en porcentaxe de voto
En Melide, co 84,23% do escrutinio completado xa podemos dicir que está todo o peixe vendido:
En Melide confírmase o arrase do PP
No Fedello de Chuza! e en Twitter xa dan por feito a maioría absoluta. ANT, Xornal.com e Vieiros seguen sen publicar artigos de última hora. ¿Confírmase que as redes sociais son máis efectivas que os meidos máis tradicionais para o seguimento deste tipo de eventos?

ACTUALIZACIÓN (21:50): Co 72,32% do escrutinio o PP confirma a súa maioría absoluta:
O PP mantén a maioría absoluta
En Melide, co 94,25% do escrutinio, vese como o BNG sacou un pouco de vantaxe ao PSdeG:
En Melide o BNG supera ao PSdeG
Vieiros volveu caer, ANT por fin actualizou, en Xornal.com parece que seguen a rañar os huevos, mentres que os medios como La Voz, o Faro ou o Correo dan información actualizada. Iso fai dubidar do poder dos medios dixitais en Galicia, pois fallan no seguimento de eventos nos que deberían ter vantaxe.

ACTUALIZACIÓN (22:05): Co 82,67% xa non parece que vaia cambiar nada, e queda confirmado o desencanto da xente co goberno bipartito:
confírmase a victoria do PP
En Melide a cousa xa rematou, e co 100% do escrutinio temos o seguinte resultado:
escrutino melidense ao 100%
O tío que votou ao AVE, ¿crería que estaba a apoiar á Alta Velocidade Española? E parece ser que o AVE foi o único partido que levou 1 único voto en toda a Terra de Melide.

Vieiros xa volve a funcionar, publicando un artigo no que recoñecen a volta do PP ao Goberno da Xunta de Galicia, mentres que dende Xornal.com levan máis dunha hora sen actualizar. ¿Fáltalles o valor de recoñecer o resultado electoral?

ACTUALIZACIÓN (22:20): Co 91,81% dos votos escrutados saíu Touriño a recoñecer a vitoria do Partido Popular de Galicia. Os resultados provisorios serían os seguintes:
resultados case finais
Agora, dende Xornal.com xa parecen actualizar os datos (aínda que a nova na que o fan presente como hora de actualización as 20:59 horas) pero non engaden nada aos datos en bruto.
Dende Vieiros comezamos ver que estiveron a traballar duro durante as últimas horas, pero non se puideron ver os contidos que crearon no seu momento por problemas técnicos. Unha mágoa.

ACTUALIZACIÓN (22:30): Anxo Quintana saíu hai un anaco a recoñecer a vitoria do Partido Popular. Será agora momento de estudar as causas desta caída de apoios ao bipartito. ¿Influiría realmente a campaña electoral? Lembremos que as acusacións a Touriño polo custo do seu coche e da reforma do seu despacho, así como a foto do iate de Quintana ou mesmo o ruído de Galicia Bilingüe poderían ter calado no electorado.
Xornal.com recoñece a vitoria de Feijoo ás 22:27 horas (¡non é sen tempo!).
En A Nosa Terra recoñecen a vitoria contra prognósito do PP.
Os medios tradicionais gañaron o pulso aos meramente dixitais, e deron máis información e máis actualizada durante esta noite.

ACTUALIZACIÓN (23:00): Co 98,31% do escrutinio completado temos o seguinte resultado:
Resultados co 98,31% do escrutinio completado
Non hai que deixar escapar o feito de que en 2005 o PPdeG levou 746.457 votos, ou sexa, que nun principio apenas cambiaron os apoios populares, pero si a súa distribución xeográfica, polo que de analizar os resultados haberá que buscar as causas que levaron ao BNG a perder un escano en A Coruña e ao PSdeG a facer o propio en Pontevedra (¿posiblemente a crise de Citroën?).
Feijoo está na televisión falando sen trunfalismos, pedindo a unión dos partidos políticos para enfrontar a crise. Non celebra o seu éxito, senón que anuncia que van chegar tempos difíciles, e vai traballar na súa superación. Un bo discurso.

ACTUALIZACIÓN (23:20): Co 98,92% do escrutinio rematado, o PP suma 752.170 votos, quedando constancia de que incrementou moi pouquiño os apoios (¿menos de 2.000 votos?), pero que foi suficiente para cambiar unha balanza política que estaba moi equilibrada en Galicia, comunidade que segundo comenta Manuls no seu blog, é de dereitas, mentres que Manuel Gago lembra cómo iso de que a alta participación beneficia á esquerda non é certo e en Twitter, Juan Castro pregunta se Touriño vai presentar a súa demisión, á vez que dubida do futuro de Quintana tras o peor resultado do BNG nos últimos 12 anos.
Pola miña banda, en Twitter tamén cuestionei se o encontro Xuventude Galiza Net que terá lugar no mes de abril recuperará o seu vello nome de Xuventude Galicia Net. E volvendo ao ámbito local: ¿volverá á alcadía o PP en Melide nas vindeiras eleccións? Tendo en conta que cun goberno municipal do BNG mentres en Santiago está o PP e en Madrid o PSOE a cousa pinta mal… especialmente en tempos de crise. Vexo moi probable a volta de Ángeles Vázquez á alcaldía. ¿E vós?

ACTUALIZACIÓN (23:40): Co 99,38% do escrutinio completado o PP con 755.992 votos aínda non chega ao número de votos de 2005 (756.562) aínda que tamén falta o voto exterior por computar, pero o que mete medo é ver cómo o PSdeG perdeu 75.523 votos e 45.762 votos o BNG. Dá así a impresión de que os mesmos votantes que levaron ao bipartito ao Goberno da Xunta, perderon a ilusión polo seu proxecto político.
Tampouco podemos esquecer que Terra Galega, UPyD e Esquerda Unida xuntaron 57.551 votos, mentres que en 2005 só existía esta última formación con 12.419 votos. Non sei moi ben se os votos a estas formacións estarían a favor dun Goberno do PP ou do bipartito, pero está claro que foron moi significativas, aínda que a lei actual non lles permite ter representación (cun reparto diferente poderían levar un escano UPyD e outro Terra Galega).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS