O trato ás webs en galego por parte de Google segue a dar moito que falar

En Vieiros seguen a falar da posible discriminación de Google ás webs en galego: A web en galego, prexudicada por Google Dende hai catro meses, o buscador líder no...

En Vieiros seguen a falar da posible discriminación de Google ás webs en galego:

A web en galego, prexudicada por Google
Dende hai catro meses, o buscador líder no Estado Español prioriza os resultados en castelán e desterra aos últimos postos as páxinas noutras linguas.
Mazá de Google
Dende este verán, o buscador líder da internet, Google, está, dalgún xeito, a discriminar nos seus resultados as páxinas escritas en galego. Isto acontece na súa versión para o Estado Español, que aparece por defecto ao se conectar dende calquera computador da rede dentro do seu eido territorial. Así o parece demostrar un estudo elaborado polo blogueiro Marcus Fernández e publicado no medio tecnolóxico Código Cero.

Marcus dá unha data concreta para o cambio, cunha marxe de erro aproximada de dous días: o 20 de xuño. “Vese que nese momento comezaron a caer as visitas procedentes de Google ás webs en galego. O resto, permaneceron invariábeis”. Segundo explica, “cremos que se debeu a un cambio da política de busca de Google e que tivo esas consecuencias de xeito accidental”. Agora google.es dálles “prioridade ás webs en español, mesmo se buscamos palabras en galego”.

As consecuencias son que webs que se atopaban nos primeiros postos dos resultados “acabaron caendo a postos 40 ou 50”, o que se traduce en posíbeis perdas económicas “de cara ao futuro, polos ingresos de publicidade. Mesmo algunhas páxinas, como as de promoción turística, poderían deixar de cumprir cos seus obxectivos”.

O galego, o catalán e o éuscaro excluídos
O novo criterio do buscador, ademais, “discrimina os medios locais”. Tamén a través do buscador de novas, Google News, na súa edición para o Estado Español. Nese caso, os medios en galego, catalán ou éuscaro xa, directamente, están excluídos. Marcus Fernández pensa que incluílos no pesquisador de noticias non distorsionaría os resultados “pois os que buscan palabras en español atoparían resultados en español”, do mesmo xeito ca quen busque novas nas noutras linguas do Estado Español tamén atoparía as informacións. Pero non é así, cando menos de momento.

Segundo explica Marcus, está a haber contactos coas outras comunidades lingüísticas, a catalá e a vasca, “para ver se lles acontece o mesmo”. Mais, “no caso catalán, non hai tantos problemas, porque teñen o google.cat para quen queira facer as buscas na lingua propia”.

O problema está con google.es, que aparece por defecto a todas as persoas que se conectan dende unha IP do Estado Español. Marcus cre que “co tempo poderíase facer unha discriminación por comunidades autónomas”. Tamén existe a tendencia de localizar os internautas mediante a xeolocalización, mediante GPS, Wi-Fi… “Pero levará tempo. E o seu obxectivo é máis como negocio ca coma servizo, para personalizar a publicidade”.

Arranxaríase todo co .gal?
A consecución do dominio .gal non resolverá de todo o problema, segundo Marcus, “e dependerá da concienciación cidadá”. É máis partidario de que Google deixe de priorizar o uso dunha determinada lingua no interface do navegador á hora de devolver resultados. Pero facerllo saber ao xigante estadounidense é complicado: “Non ten sede española, senón unha oficina comercial. Non se pode ter un contacto directo. É case imposíbel acceder a eles, como xa pasou con algúns procesos recentes”.

O xerente da empresa de servizos en internet Abertal, Manuel Pan, tamén propón que Google teña en conta criterios xeográficos en non lingüísticos á hora de facilitar resultados: “Que aínda que accedamos dende Galiza ou dende Cataluña os resultados teñan en conta a efectividade nas buscas, non en que lingua estean”.

Segundo Pan, noutros estados en que conviven varias linguas, o buscador dá outras solucións, como “en Canadá ofrécense os resultados en francés coa posibilidade de traducilos automaticamente, pero Google non ten tradutor en galego”.

Tampouco ve como solución o responsábel de Abertal o feito de configurar Google en galego “para obter resultados preferentemente na nosa lingua, porque a min interésame a efectividade, non a lingua, xa que entendo as dúas”. O feito de priorizar os resultados galegos pode ser contraproducente, porque “pode levar a que moita xente que queira unha efectividade a nivel estatal non poña a páxina de Google en galego”.

Tamén coincide Pan en que se produciu unha certa discriminación dos medios en galego, porque “hai xente, que aínda que sexa galega, polo motivo que sexa, ten o navegador e a páxina de inicio en castelán, e agora terá dificultades para atopar estes contidos”, o que se traduce nunha baixada das visitas.

Cada vez hai máis xente que se está a decatar do asunto, e explican así a baixada de visitas que tiveron dende o pasado verán. A ver se dende Google arranxan o asunto…

O artigo de Vieiros é obra de Modesto del Río, máis coñecido no Blogomillo por ter o blogue que máis veces cambia de tema cada ano 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS