Polémica política no San Roque melidense

Nos comentarios deste blog critican que o Concello utilice a súa web coma medio de comunicación do BNG, e eu non podo facer máis que coincidir en que non...

Nos comentarios deste blog critican que o Concello utilice a súa web coma medio de comunicación do BNG, e eu non podo facer máis que coincidir en que non me parece normal que dende o Goberno local se empregue un medio oficial para criticar á oposición. Para iso deberían empregar a páxina web do BNG local, que curiosamente é o único partido no Concello que non ten presenza na Rede.
Pero tamén teño que dicir que a bronca coa Banda municipal me parece escandalosa:

O PP de Melide minte para crear polémica sobre a banda de música e a Sinfónica

  • O Concello non despediu ao director da banda de música nin a ningún profesor do conservatorio e responsabiliza a Vázquez Arias da imposibilidade de que actúe esta formación musical.

Banda municipal melidense
En relación ás últimas declaracións vertidas á prensa pola portavoz do PP de Melide, Ángeles Vázquez, sobre a ausencia da Banda de Música de Melide nas festas do San Roque desta localidade, o equipo de goberno de Melide quere manifestar o que segue:
1.     É totalmente falso que se despedise ao actual director da banda, como afirma o PP, senón que se trata dun contrato anual que, dende hai moitos anos, remata cada 30 de xuño. O Concello de Melide cualifica de “impresentables e gravísimas” tales afirmacións cando o PP cando gobernaba tamén lle facía contratos anuais a este director que remataban o 30 de xuño de cada ano, coincidindo co remate do curso no conservatorio. Polo tanto, non se trata dun despido senón, simplemente, do remate dun contrato. Cómpre tamén aclarar que o actual director da banda está contratado polo concello como profesor de música do Conservatorio de Melide pero non como director de banda.
2.     Nos últimos anos, a Banda de Melide actuou sempre no San Roque e en outros moitos lugares e nunca foi impedimento ningún o feito de que o seu director xa non estivese contratado polo Concello de Melide nos meses de verán. O actual equipo de goberno pide explicacións ao PP de Melide e ao propio Fernando Vázquez Arias de porqué a Banda de Melide actuou sen problemas en veráns anteriores e agora, nas mesmas circunstancias, non o permiten.
3.     É importante dar a coñecer que a Banda de Melide, a pesares de ser municipal, está xestionada por Fernando Vázquez Arias, profesor do Conservatorio e director da Orquestra Sinfónica de Melide. Dito director creou hai anos unha asociación chamada Asociación Cultural e Musical Melidá da que é presidente e a través da cal xestiona ambas formacións musicais. Fernando Vázquez presentou un escrito no Concello de Melide o pasado 12 de agosto aclarando que é a súa asociación a que xestiona a Banda municipal e que non permitía que actuasen o día 20 de agosto tal e como estaba previsto no programa das festas. O concelleiro responsable das festas, Antonio Díaz, concertara dita actuación hai meses co director da Banda de Melide pero, diante dos numerosos impedimentos postos por Fernando Vázquez Arias nas últimas semanas non vai ser posible esta actuación.
4.     O Concello de Melide lamenta que a Banda da vila non actúe nas Festas do San Roque, como sería o seu desexo, por causas alleas ao propio concello e manifesta o total apoio e o compromiso do actual equipo de goberno coa mesma.
5.     A semana pasada, Fernando Vázquez Arias ordenou expresamente ao director da banda que non actuase nas festas do San Roque, organizadas polo Concello, a pesares de ser este o desexo maioritario entre os músicos que integran esta formación musical. Ademais, o Concello de Melide tramitou hai uns días unha actuación para a Banda de Melide nas festas de Portomarín a comezos do mes de setembro, pero Fernando Vázquez Arias tampouco autorizou esta actuación.
6.     Para o Concello de Melide, trátase dunha clara vinganza do director da Sinfónica de Melide por non contratar a dita orquestra neste San Roque. Lembrar que o Concello de Melide decidiu non incluír á Sinfónica no cartel das festas por pedir 50.000 euros pola súa actuación, ademais de ter que correr cos gastos do aluguer do escenario e equipamentos eléctricos co que se chegaría a preto de 60.000 euros.
7.     O Concello de Melide agarda que o PP cese co seu ataque de mentiras e calumnias e deixe de envelenar as festas do San Roque que se están celebrando con total normalidade e gran éxito de público. O PP debería recapacitar pois está a danar a imaxe da nosa vila diante dos miles de visitantes que temos no verán e das nosas festas máis importantes co único obxectivo de acadar uns máis que dubidosos réditos políticos.

A verdade é que non creo que as formacións musicais locais se deban empregar coma arma política, pero tamén hai que admitir que iso dos 50.000 euros por unha actuación da Sinfónica en casa é un despropósito. Lembremos que Antonio Vega cobra 12.000 euros por un concerto no verán e as orquestras de máis sona de Galicia cobra entre 18.000 e 24.000 euros.

Cambiando de tema, e volvendo ao da páxina web, non podo deixar de comentar que aínda que o PP melidense foi o primeiro partido local en apostar pola Rede, abandonaron o seu nome de dominio polo que o secuestrou unha italiana (que non debe de saber que cos .es non se pode facer tal, e con só reclamar é posible recuperar o dominio sen pagar rescate):
Web do PP melidense, secuestrada
Parece que en Melide se repite a mesma historia que noutros lugares: pasadas as eleccións os políticos esquecen a Internet (que é un dos mellores xeito de chegar á xente).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS