Hoxe (case mañá) é o Download Day

Dende a Fundación Mozilla aseguraban que hoxe sería o día no que se lanzaría oficialmente o navegador Firefox 3, pero o que non deixaran claro é que sería dende...

Download Day
Dende a Fundación Mozilla aseguraban que hoxe sería o día no que se lanzaría oficialmente o navegador Firefox 3, pero o que non deixaran claro é que sería dende as 10 da mañá de California (as 7 da tarde en España) o que fai que para boa parte dos europeos a estrea sexa realmente mañá, o que me parece que se trata dunha pequena cagada (¿o normal non sería estrear o navegador no gume da medianoite?).
Pero o peor de todo chegou á hora sinalada, pois as webs de Mozilla caeron todas xuntas, e cando se recuperaron o fixeron mal: non facían referencia ao novo Firefox, cando o fixeron as ligazóns seguían levando á versión anterior, e finalmente comezaron a funcionar, pero dun xeito moi sospeitoso. Na web do Firefox 3 anuncian que o ficheiro coa aplicación ocupa 6,4 Mb e resulta que a descarga ocupa 7 Mb, o que crea unha certa desconfianza, especialmente porque o ficheiro data do pasado día 11, ou sexa, que é a mesma versión que xa tiña instalada (e o sistema de actualización leva horas sen responder). ¿Estamos ante unha tomadura de pelo? ¿Non foron capaces de cumprir co prazo de entrega e seguiron coma se nada?

Os problemas parecen provocados porque dende Mozilla querían superar un record Guinness inexistente. Querían que o Firefox 3 fose a aplicación informática máis descargada en 24 horas, aínda que non van ter problemas en acadar tal privilexio, por non ter un listón que superar.

De todos os xeitos, recoméndovos instalar a nova aplicación, e non todo foi negativo nesta xornada, senón que os de Mancomún tiveron a decencia de publicar o paquete de tradución ao galego do Firefox 3 sen facernos agardar ao 25 de xullo por unha versión oficial do navegador en galego.

ACTUALIZACIÓN: Antes de rematar o día en España o Firefox 3 xa leva máis de 1,5 millóns de descargas, aínda que tiveron que restar medio millón de descargas hai un intre porque contabilizaran a xente que descargou accidentalmente a versión 2 do navegador. A cousa non parece moi seria, e a páxina na que amosa o número de descargas presenta resultados ficticios (pois simula dar información en tempo real, no que parece unha proxección estatística).
Nalgúns blogs xa comentan se iso do record é unha patraña, porque as actualizacións automáticas de Windows seguro que se descargan moito máis (ou sexa, que a marca acadada tería moitos peros.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS