Novo número da revista Tempos Novos

Esta semana saíu o novo número da revista Tempos Novos, que para celebrar o Día das Letras Galegas fai unha análise da situación do suposto bilingüismo que hai en...

Portada do número 132 de Tempos NovosEsta semana saíu o novo número da revista Tempos Novos, que para celebrar o Día das Letras Galegas fai unha análise da situación do suposto bilingüismo que hai en Galicia, desmontando certos mitos e dando a entender que a situación actual é a de diglosia. Algún dos textos sobre o tema os podes ler na nova web da publicación, Tempos Dixital, na que tamén recollen unha colaboración miña para este número:

Piratería ou nova forma de consumo?

  • Internet deixou obsoletos os soportes. Xa non se pode entender a música nun CD ou a televisión atada a un horario, situación que veu forzada por prácticas de discutible legalidade.

Coa chegada da Internet aos fogares mediante modems telefónicos non tardaron en emerxer métodos de compartir música que se foron facendo cada vez máis próximos ao usuario ata a aparición de Napster, unha aplicación que se podía utilizar sen coñecementos técnicos e que permitía descargar a meirande parte da música que estaba no mercado tradicional sen custo para o usuario, o que levou á industria discográfica a reaccionar violentamente, cunha chea de medidas legais contra a empresa responsable da nova plataforma P2P, que forzou o peche do servizo cunhas consecuencias inesperadas: a proliferación de sistemas alternativos cada vez máis sofisticados.

Así, aínda con Napster pechado, continuouse a utilizar a mesma tecnoloxía mediante aplicacións clónicas coma o WinMx, e naceron novos sistemas coma AudioGalaxy, Morpheus, KaZaA, eDonkey2000 ou Gnutella, que cada vez son menos dependentes de servidores centrais, o que impide o seu peche forzoso, pois os propios usuarios son os que constrúen as redes de intercambio de arquivos e non as empresas que desenvolven as aplicacións.

Na actualidade, a diversidade de plataformas resulta pouco relevante, e a meirande parte dos contidos compártense a través de tecnoloxía BitTorrent, que non só domina o intercambio de arquivos, senón que tamén é o servizo que máis tráfico move na Internet na actualidade. Á parte, existen sistemas coma eMule ou Pando, pero obviando a tecnoloxía empregada, a esencia é a mesma: os usuarios comparten con todo o mundo música, películas, series de televisión e toda unha serie de material para o que antes tiñan que pagar, polo que cambiou o xeito de consumo audiovisual, imperando o todo gratis.

Comezou pola música

Debido á velocidade de conexión á Rede que se tiña hai nove anos (cando Shawn Fanning creou Napster) os únicos ficheiros que un podía compartir eran musicais grazas a un formato de compresión de son, o MP3, que dende 1995 comezou a ter certa presenza na web, e permitía reducir ata 10 veces o tamaño dun ficheiro musical facilitando non só o seu almacenamento senón tamén a súa transmisión. Pouco a pouco foi popularizándose, e saltou dos PC a reprodutores portátiles coma os Rio (1998) ou o iPod (2001). Foi o comezo do fin do CD, pois se a música se pode descargar da Internet de balde, e a música xa non se garda en discos compactos, senón nos discos duros de ordenadores e reprodutores multimedia, ¿quen está disposto a mercar un disco que só ocupa espazo?

O CD está condenado a repetir a historia do casete, e os mozos xa non teñen onde reproducir ningún dos dous formatos, pois empregan pequenos dispositivos para levar a súa música sempre consigo, o que non só está a ameazar a industria musical, senón que mesmo as emisoras de radio teñen que afrontar o reto de atraer aos mozos que prefiren facer a súa propia programación musical.

Pese a todo, dentro da industria musical hai varios xeitos de ver este fenómeno, e mentres os vendedores de discos ven como o seu negocio está destinado á desaparición, os músicos recoñecen a outra cara da moeda: os seus temas teñen moita máis difusión, polo que teñen moito máis público nos seus concertos.

Cada día hai máis espectáculos programados, polo que a liberación da música na Rede converteuse no detonador dunha explosión cultural que terá que buscar novos métodos para financiar a produción dos contidos e a súa promoción.

O DVD no punto de mira

A dixitalización das películas que levou á desaparición do VHS agradou aos usuarios cunha calidade sen precedentes no consumo de cine na casa, pero contou cun efecto colateral que non agardaban: as películas podíanse duplicar sen perda apreciable de calidade.

Ao permitirse o duplicado das películas, naceu o fenómeno coñecido popularmente coma Top Manta (venta na rúa de copias ilegais), e ao igual que a música contaba co MP3, a compresión dos vídeos recaeu no formato DivX, que permite reducir á sexta parte unha película en DVD de xeito que se podía gardar nun disco CD-R e transmitir rapidamente a través da Internet (pois co paso do tempo tamén se popularizou a banda larga).

As primeiras vítimas deste xeito de copiar películas foron os videoclubs, establecementos que están a vivir unha grande crise a nivel mundial, e parece que van seguir o mesmo camiño que os establecementos de venda musical, pois o mercado quere impor alternativas de vídeo á carta mediante plataformas que eviten intermediarios, polo que o cine doméstico podería pasar a ser exclusiva de plataformas coma Imagenio ou Digital+.

A televisión abandona a súa grella

O escenario cinematográfico foi trasladándose ao sector televisivo, primeiramente grazas a series de culto, de xeito que moitos usuarios se botaron á Rede para poder seguir South Park (dos irreverentes Trey Parker e Matt Stone) e, máis recentemente, para ver as aventuras de Perdidos (Lost), Heroes ou Prison Break. Nalgúns casos, trátase de xente que non ten acceso a plataformas de pago, pero noutros son os afeccionados impacientes os que descargan capítulos norteamericanos para non ter que agardar á chegada a España das últimas tempadas (que en moitos casos se demora máis dun ano) polo que creou un hábito de consumo: ver as series en calquera momento.

Deste xeito, moitos usuarios afixéronse a ver as series descargadas da rede para velas a calquera hora, deixando incluso de seguir programas en aberto no seu horario habitual para optar pola súa descarga da Internet. Produciuse así un importante cambio de costumes, no que o usuario abandona as grellas impostas polas canles de televisión e constrúe a súa canle persoal, adaptada ao seu horario e aos seus gustos.

Desta volta, os responsables das televisión están a ser máis consecuentes que as discográficas, e en vez de perseguir os usuarios, están a lanzar plataformas que permitan ver as series a través da Internet (Hulu, Joost, South Park Studios, BBC iPlayers…), de xeito que se poidan beneficiar deste novo xeito de consumir os seus contidos mediante publicidade.

Outros sectores afectados

Pero cando falamos do P2P normalmente esquecemos que non só o audiovisual se prexudica destas prácticas, senón que unha das industrias máis afectadas é a do software informático, e non pode beneficiarse indirectamente da descarga das súas aplicacións.

Tamén resulta especialmente damnificado o sector dos videoxogos, que xa move en España máis cartos que os CD, DVD e cines xuntos. Curiosamente a copia de xogos afecta de xeito moito máis importante aos títulos para PC, de aí que varios fabricantes comecen a desenvolver xogos gratuítos que se financiarán a través de publicidade, ou algunhas plataformas funcionen mediante fórmulas de subscrición mensual (pois son xogos en rede, o que podería ser a tendencia do futuro, xa que transformarían un produto nun servizo, evitando a súa copia).

No mundo das consolas de videoxogos, os usuarios vense freados por distintas medidas de seguridade, e para utilizar xogos descargados da Internet precisan normalmente da manipulación do seu equipo (chipeo), o que fai que non sexa unha práctica tan estendida.

A polémica legal

Nos últimos anos non faltaron as causas xudiciais en España contra a descarga de música ou películas da rede, así como da instalación de chips en consolas de videoxogos para permitir o uso de títulos copiados, pero todo apunta a que a nosa lexislación considera que non respectar os dereitos de explotación dun produto supón un ilícito civil pero non penal, polo que as ameazas de certas entidades de xestión de dereitos de autor estarían pouco fundadas. Parece que a normalización das descargas de Internet chegou a un punto no que as leis xa non supoñen unha medida disuasoria.

O consumo audiovisual baseado na compra de música, cine e series de televisión en discos ópticos está destinado a desaparecer, e mesmo a aparición de novos formatos coma os discos Blu-ray non parece cambiar a tendencia actual. A industria musical deberá buscar novos modelos de negocio para explotar o seu sector, mentres que o cine e a televisión tamén deberán buscar novas canles para achegar beneficios que sosteñan a súa Industria.

Supoño que moitos coincidiredes comigo en que estamos nun punto sen retorno no tocante ao consumo audiovisual, provocado en boa medida pola Industria musical (o que afectaría posteriormente ao cine e á televisión), que non soubo adaptarse aos novos tempos. Iso si, a crise do negocio non é en absoluto un problema para a meirande parte dos músicos, que se ven moi beneficiados polo panorama actual, no que a súa música está ao alcance de máis xente que nunca, o que fai que haxa concertos a tutiplén.
Agora, cando vemos un concerto preto de onde vivimos, buscamos na Rede algún vídeo ou canción do grupo ou cantante, e se nos convence imos velo, o que antes non pasada nin de coña. Só por iso xa se compensa a lacra que supuxeron os triunfitos no panorama musical español.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS