As eleccións ás Cortes Xerais vistas dende Melide

Nas pasadas fins de semana vin que por Melide se paseaban coches con megafonía repetindo os lemas dos distintos partidos políticos, o que é un dos elementos que lembran...

Coche do PSdeG-PSOENas pasadas fins de semana vin que por Melide se paseaban coches con megafonía repetindo os lemas dos distintos partidos políticos, o que é un dos elementos que lembran á xente que se está a vivir a campaña electoral, pero que normalmente resulta molesto polo mal que se oen os altofalantes polo medio da vila. Niso teño que coincidir con David que asegura que os partidos deberían elixir mellor as súas sintonías, pois pór temas vocais é un erro cando a reprodución vai ser mala. Aí tivo todo un acerto o PP, que ten unha música moi recoñecible. Parece que o máis atinado é contar con moitas versións dos temas musicais, adaptados á mensaxe que se quere dar en cada momento.
Coche do BNGO BNG, por outra banda, elixiu un tema que queda moi bonito na televisión, pero que pola megafonía sona a ruído. Deberían buscar unha base musical máis simple, que permita o seu uso coma politono ou simplemente que se poida asubiar.
(Non inclúo imaxe do coche do PP porque non curcei con el durante as pasadas fins de semana)
No tocante á cartelería, teño que dicir que cada día estou máis a favor da publicidade nas farolas, pois os carteis pegados en paredes son bastante anti-estéticos, aínda que me sorprendeu un pouco o desequilibrio entre a presenza dos distintos partidos en Melide, predominando dun xeito esaxerado o BNG, seguido polo PP e quedando o PSdeG-PSOE cunha presenza visual bastante anecdótica (aínda que visible grazas ós faldóns na estrada).

Iso si, non todo eran fotografías de caras de políticos, senón que tamén había anuncios de mítines, o que resulta esperanzador, pois visitaron a vila políticos de peso, coma o presidente e o vicepresidente da Xunta de Galicia.

Os mitins

Quintana en Melide
O primeiro partido en visitar Melide foi o BNG, que trouxo tanto a Quintana como a Jorquera, polo que non pode haber queixa polos peso dos políticos presentes.
Quintana aproveitou a ocasión para incidir niso de votar como galegos (que lembra ó anuncio de Gadis): «as forzas políticas estatais só lembran Galiza para facer chistes, ou para que Rajoy diga que el é galego, como se demostrou onte no debate entre PP e PSOE».
A Jorquera, en cambio, déuselle por falar da cota láctea (discurso que lembro xa dos tempos de Beiras, e parece que ten pouco arranxo).
Segundo a formación nacionalista, houbo máis de 400 asistentes ó encontro do BNG, o que non está nada mal.

Touriño en Melide
O presidente Touriño tamén visitou Melide para un mitin do PSdeG-PSOE, aproveitando o evento para porlle data de caducidade a Mariano Rajoy: «Teño a convicción que a de onte foi a despedida de Rajoy ao frente do PP».
Para min o mellor destas declaracións de Touriño é que ó día seguinte do mitin saíron nas radios comentando que se fixeran en Melide 😉
Touriño asistíu acompañado por Esther Couto e Carmen Marón e, segundo parece, prometeu que a autovía A-54 pasaría por Melide, o que poñen en dúbida no Correo.

O PP tivo unha presenza máis tímida, cun mitin o pasado xoves ó que asistiron Carlos Negreira, José Manuel Romay e María Jesús Sainz. Celebrouse no Carlos 96, polo que non creo que fose un evento multitudinario (pois tampouco vin ningunha referencia ó mesmo nos medios).
Pero se ben non parece que o PP autonómico apostase forte por Melide nesta campaña, a agrupación local estivo máis guerreira, e publicou un dos seus polémicos boletíns:
páxina 1páxina 2páxina 3páxina 4
Agora non procede que me poña a analizar o contido, pero está claro que recolle moitos dos temas de discusión habituais na política local, o que está ben de cara a xerar debate social.

As eleccións do domingo

Deixemos de lado o que aconteceu nos pasados días e vaiamos ó futuro. ¿Qué podemos agardar dos vindeiros comicios? Eu coido que a nivel estatal a cousa vai quedar aproximadamente como estaba, cunha lixeira vantaxe do PSOE sobre o PP que lle permite pactar con outros partidos para formar Goberno. Paréceme así máis interesante facer unha análise con perspectivas autonómica e local. Vexamos así os resultados dos últimos anos:
resultados dos anteriores comicios
Con eses datos na man eu atreveríame a asegurar que o PP vai volver gañar os comicios en Galicia, tanto en votos como en escanos pero, ¿manterá a súa forza ou baixará? Hai que ter en conta que, como xa pasou no ano 2004, Galicia volve a perder un escano, polo que unha das forzas políticas perdería peso. As primeiras sondaxes apuntaban ó PSdeG, polo que a cousa quedaría en PP 12, PSdeG 9 e BNG 2. ¿Parécevos que será ese o resultado? ¿Ou baixará o PP? Porque coido que do que poucos dubidan é do estancamento do BNG. Lembremos que co sistema de reparto de escanos para pasar de 2 a 3 o Bloque debería medrar bastante e os resultados que obtivo en 2000 parecen moi lonxanos (o que levaría á cuestión: formar parte do Goberno galego, ¿prexudica ó BNG a nivel de voto?).

Visto que o panorama autonómico semella tan tranquilo coma o estatal, onde coido que haberá algo de emoción é no ámbito local, pois o voto nacionalista en Melide nunca superou o 16% dos sufraxios. ¿Qué pasará agora? ¿Arrastrará o actual goberno municipal voto para o seu partido nas eleccións ás Cortes Xerais? Eu coido que algo se vai notar, pero sería sorprendente que o voto nacionalista superase o 20%.
Todo apunta a que o PP se mantén na horquilla do 50-60%, polo que o BNG e o PSdeG se repartirían o 40-50% dos votos restantes. Eu penso que o PSdeG terá o 25-30% dos votos, mentres que o BNG quedará no 15-20%. ¿Alguén augura un resultado moi distinto?

Eu, pola miña banda, procurarei falar dos resultados o domingo pola noite, e mentres, podedes pasar o tempo co gráfico interactivo de Soitú (que se actualizará en tempo real durante o reconto electoral) e que descubrín no blog de Pawley:

zp8497586rq

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS