¿Están en crise os cines?

Galiciae publica hoxe unha nova sobre o peche dos Multicines Compostela: Os Multicines Compostela pechan este xoves Os Multicines Compostela pecharán as súas portas este xoves, día 20 de...

Galiciae publica hoxe unha nova sobre o peche dos Multicines Compostela:

Os Multicines Compostela pechan este xoves

Os Multicines Compostela pecharán as súas portas este xoves, día 20 de decembro. Segundo confirmaron hoxe fontes da empresa Barcagal, propietaria dos multicines: “Este xoves será o seu derradeiro día de exhibición”.

A capital galega queda así sen outro espazo de exhibición tralo peche este mesmo ano da Sala Yago, que ofrecía cine en versión orixinal. Só os Valle-Inclán e Cinesa-Área Central persisten en Santiago fronte ao peche paulatino de varias salas na comunidade galega.

O presidente da Asociación Galega de Empresarios do Cine, Tomás Ucieda, corroborou o peche e atribuíu o feito á “crise” que vive o sector da exhibición. “Hai unha excesiva oferta e unha escasa demanda, así que se trata dun axuste do mercado”, xustifica o dono dos cines Valle-Inclán e representante dos empresarios das salas galegas.

Deste xeito explica tamén o peche dos Cines Yelmo en Lugo a finais do pasado mes de setembro ou o cese do Cine Dúplex en Ourense en outubro deste mesmo ano.

“En cidades como Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo só queda un complexo aberto”, asegura o empresario, quen cre que lonxe de solucionar o problema que atravesa o sector da exhibición, a Lei do Cine “o que fai é presionar máis”.

Con respecto aos motivos que levaron ao peche dos Compostela, fontes dos Multicines negáronse a ofrecer información, mentres que resultou imposible pórse en contacto co propietario das salas, Antonio Vázquez.

Os Multicines Compostela, situados a carón do Parlamento de Galicia, na rúa Ramón Piñeiro, contan con seis salas con cabida para 519 butacas. O cine proxecta as últimas producións independentes a un prezo de pouco máis de 3 euros, no Día do Espectador, e non chega aos 5 euros durante as fins de semana.

O asunto fíxome reflexionar sobre un tema do que teño discutido moito, pois coido que é toda unha contradicción. Resulta que as grandes estreas cinematográficas cada día ingresan máis cartos, pero os exhibidores se queixan de que hai moi poucos blockbusters, ou sexa, que cando analizan os seus resultados algúns responsables da Industria a nivel mundial non culpan a televisión, o DVD ou a Internet, senón ó propio cine, dunha curiosa crise que non ten nada que ver coa que aconteceu nos 80 co VHS (¡daquela si que foi unha crise!).
Os espectadores van normalmente ó cine a ver peliculóns, grandes producións, cousas que nunha pantalla pequena perden moito, e o ir ó cine é coma ir a un concerto, ou sexa, un fenómeno social. Así, as pequenas salas o teñen moi complicado, pois se un non vai directamente a ver unha película moi promocionada acaba acudindo a un multicine onde poida facer a selección botando un ollo ós carteis os filmes.

¿Por qué pechan entón os Multicines Galicia? Porque son un multicine… Penso que é por non formar parte dunha cadea de salas, ou sexa, que ó ser independentes, os Compostela non podían facerse cos títulos que achegan cartos á taquilla, e sempre que pasei por diante do cine vin unha chea de películas das que non sorprendería a ninguén que saísen directamente en DVD (e non me refiro precisamente a cine independente). Cunha oferta de películas cutres é imposible reter a un público que pode acceder a cines mellores.

O caso compostelán xa se vía vir dende hai moito, e parece evidente que os Valle-Inclán están ben situados, e os de Área Centra teñen unhas salas de exhibición caralludas. ¿Que agora non hai cine en versión orixinal? ¿Pero acaso existe demanda deste tipo de salas? A xente xa pode acceder ás versións orixinais en DVD e nas televisións dixitais (coiro, ¡ata na TVG!) polo que non parece algo imprescindible. Pero se miramos ó cine independente, a cousa cambia, e agora hai menos películas para as pantallas galegas.

O caso coruñés foi moi semellante ó de Compostela, e aínda máis radical, pois pecharon absolutamente tódolos cines coruñeses e na actualidade só hai 2 multicines de nova creación: un de Yelmo e outro de Filmax. Das salas pechadas só boto en falta ós Equitativa, pois estaban moi ben situados e se atrevían a botar as películas de Kevin Smith (entre outras), pero coido que a situación actual se axusta á demanda do público.

¿Hai crise nos cines? Si, hai unha crise, pero iso indica que cambian os ventos, non que o negocio vaia mal. Chega con ir nestas datas ou cando poñen películas dos Transformers, Harry Potter e cousas polo estilo: esgótanse as entradas e venden chuches en cantidades astronómicas.
Coido que o vindeiro venres é un bo día para coller o pulso ó cine. ¿A ver quen se atreve a falar de crise na cola para ver Yo Soy Leyenda, a segunda entrega de La Búsqueda, a xa veterana La Brújula Dorada ou mesmo a adaptación cinematográfica de Alvin y las Ardillas?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS