Continúa a polémica coa débeda do Concello de Melide (o PP responde ás acusacións do BNG e do PSdeG)

Capullito de Alhelí informounos de que na web do Concello de Melide publican un comunicado oficial sobre a débeda municipal: O NOVO GOBERNO DE MELIDE TEN QUE FACER FRONTE...

Capullito de Alhelí informounos de que na web do Concello de Melide publican un comunicado oficial sobre a débeda municipal:

O NOVO GOBERNO DE MELIDE TEN QUE FACER FRONTE A 3 MILLÓNS DE EUROS DE DÉBEDA ECONÓMICA

As numerosas facturas pendentes de pago ascenden a 2 millóns de euros dos que 936.000 euros deben ser pagados xa co orzamento deste ano 2007

Charla informativaO novo  goberno municipal de Melide (BNG-PSOE) organizou o pasado venres, 31 de agosto, unha charla informativa para dar a coñecer a situación actual do Concello de Melide ao cumprirse dous meses á fronte do mesmo. O salón do Hotel Calos’96 de Melide quedou pequeno para acoller ás máis de 500 persoas que acudiron a informarse do estado real do seu concello.
No acto interviñeron o 1º tenente da alcaldesa, Manuel Prado, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea, e deron a coñecer os principais problemas cos que se atoparon ao tomar posesión dos seus cargos e explicaron o estado actual de importantes obras que quedaron sen rematar polo anterior goberno municipal (PP).
Os datos máis agardados polos asistentes eran os referidos á débeda económica do concello que foron explicados pola alcaldesa diferenciando claramente dous apartados:
-DÉBEDA BANCARIA: 1.008.215 euros (168 millóns de ptas)
Con respecto a este dato, a alcaldesa melidense dixo non preocuparlle en exceso, senón “que o realmente grave e preocupante era o número de facturas sen pagar que atopamos cando cheguei á Alcaldía deste concello”.
-FACTURAS:
Ano 2005: 44.271, 32 euros (7.400.000 ptas)
Ano 2006: 936.899,92 euros (156 millóns ptas)
Ano 2007: 941.687euros (157 millóns ptas)
TOTAL: 1.922.858 euros. (320 millóns de pts)

O 1º Tenente da alcaldesa, Manuel Pado, dixo que era moi chamativo que, entre as facturas atopadas, aparezan “as de unha empresa que o pasado 14 de xuño, dous días antes da toma de posesión do novo goberno, presentou 20 facturas no concello que suman 220.500 euros de obras executadas nos anos 2001, 2002 e 2003”.

DÉBEDA ECONÓMICA ACTUAL:
1.008.215 (préstamos bancarios)+1.922.858 (facturas sen pagar)=    3 millóns de euros (500 millóns de ptas)

OBRAS SEN REMATAR.
A alcaldesa foi explicando aos melidenses o estado actual de obras e problemas que urxen unha solución rápida. Entre elas figura:

  1. RESIDENCIA: de maiores de Priorada que necesita uns 360.000 euros como mínimo para poñela a andar, pois falta todo o mobiliario interior.
  2. POLIDEPORTIVO MUNICIPAL: Lembrou a rexedora que o anterior equipo de goberno estragou o polideportivo municipal ao instalar nel o pasado nadal unha pista de xeo. Agora serán necesarios uns 60.000 euros para solucionar o problema.
  3. SANEAMENTO: Un Plan da Deputación da Coruña fixo posible que se investiran algo máis de 500.000 euros nun Proxecto de Saneamento no núcleo urbano nos últimos dous anos. Pero, tamén esta obra quedou sen rematar porque falta algo imprescindible: un transformador na zona de Santa María que custa 60.000 euros.
  4. DEPURADORA para o Parque Empresarial: 250.000 euros. O Concello ten a obriga de instalar unha depuradora na 2ª fase do Parque Empresarial.
  5. CASA DO CONCELLO Preocúpanos o estado no que se atopa. Está con graves problemas estruturais na parte traseira do inmoble e descoñécese o importe das obras que hai que facer con urxencia.
  6. URBANISMO – 47 proxectos de construción de vivendas ou edificios sen tocar e máis de 100 licencias de negocios ou tendas sen tramitar. O novo goberno atopouse un concello sen arquitecto municipal, pois o anterior dimitiu voluntariamente pouco antes do cambio de goberno. O novo goberno xa conta cun arquitecto dende o pasado 1 de agosto para tentar desbloquear canto antes a parálise urbanística que había dentro da casa consistorial.
  7. MULTAS E SANCIÓNS VARIAS. Pero, ademais das obras sen rematar, o novo goberno atopouse con diferentes multas da Xunta de Galiza por actuacións irregulares ou non permitidas cometidas polo anterior goberno:
  1. 6.000 euros de Patrimonio por obras no entorno da Capela do Carme.
  2. 3.000 euros polo punto limpo.
  3. 3.000 euros por deficiencias na piscina o pasado verán.
  4. CASA DA CULTURA: Iniciada a súa reforma no ano 2002 e na que xa se levan gastados case un millóns de euros: 932.000 (155 millóns de ptas).

A rexedora municipal lembrou que o anterior goberno municipal colocara un cartel que dicía REMATE DE OBRA pouco antes das municipais, pero a realidade que atoparon é unha casa de cultura baleira totalmente no seu interior na que se van investir 390.000 euros da Deputación que non chegan para nada pois fan falta 1,8 millóns de euros máis para poder rematala.
Así as cousas, o novo equipo de goberno cifra en case 6 millóns de euros (942 millóns de ptas) a herdanza do anterior goberno ao sumar DÉBEDA BANCARIA+ FACTURAS PENDENTES+ OBRAS URXENTES SE REMATAR POLO ANTERIOR GOBERNO.
Aínda así, as últimas palabras da rexedora municipal foron de ánimo e de optimismo para sacar adiante o concello coa axuda e o ánimo e de todos os melidenses e dixo confiar plenamente no apoio que a Xunta e a Deputación van dar a Melide.
Dixo que “O equipo de goberno ten un obxectivo claro e unha única preocupación: Melide e os melidenses. Melide ten un gran futuro e ímolo conseguir e demostrar”.

Pero para contrastar tal información, o PP de Melide tivo a ben remitirme un comunicado no que expoñen o seguinte:

1. O grupo municipal do Partido Popular non foi invitado a charla informativa, a pesar de que e obriga do goberno invitar a oposición a todo acto organizado polo Concello de Melide.
2. Dito acto, resultou ser en realidade un mitin do BNG e PSOE, pero con cargo o erario publico.
3. No arquivo adxunto, enviamosche a Conta Xeral correspondente a 2.006. Dita conta reflexa unha débeda de 1.241.284,06 euros.
4. Con data de 31 de agosto de 2.006 publicase no BOP o orzamento do Concello de Melide do ano 2.006, dito orzamento ascende a: 5.283.476,30 euros.
5. O ratio de endebedamento que se obten de dividir a débeda entre o orzamento, e dun 23% “lembrar que a lei permite ata un 110%”.
6. Esa e a realidade contable, non se pode mesturar 2.007 con 2.006, nin moito menos dicir que o 2.007 arroxa unha débeda de 3 millons de euros, xa que o ano contable ainda esta en curso e non se pecha ata o dia 31 de decembro.

Os arquivos adxuntos dos que se falan no texto son os seguintes:
Liquidación do exercicio 2006 - parte 1Liquidación do exercicio 2006 - parte 2
Como vedes, a cousa aínda trae cola. O 23% de déficit que defendía Ángeles queda confirmado documentalmente (ou sexa, formalmente) aínda que se podería discutir sobre o realismo das contas (pero está claro que son correctas).
Así pois, eu pregúntome, ¿cómo é posible que se entreguen en 2007 facturas por traballos en 2001, 2002 e 2003? ¿Ninguén investigou iso? ¿De onde saíu toda esa débeda oculta? ¿Hai responsabilidades sobre o tema? Agora xa non estou a falar de políticos: hai interventores, secretarios e moito máis persoal alleo á política (no esquezamos ós arquitectos). ¿Cómo se pode chegar á situación actual sen que haxa un só seguro de responsabilidade civil que se faga cargo de nada? Porque polo que eu sei as cagadas da Casa da Cultura ou da piscina municipal son unha desfeita por fallos humanos que normalmente gozarían dalgún tipo de protección, ¿non?
¿Alguén me pode ilustrar sobre o tema?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS