Second Life en Tempos Novos

O pasado xoves pola mañá, tras ver ó meu irmán no CHUS (quen, por certo, xa está en Melide) fun pola redacción de Código Cero e por Correo TV,...

Xallas en CouceiroO pasado xoves pola mañá, tras ver ó meu irmán no CHUS (quen, por certo, xa está en Melide) fun pola redacción de Código Cero e por Correo TV, e ó saír da rúa do Preguntoiro déuseme por facer unha visita á nova sucursal da Libraría Couceiro na Praza de Cervantes.
A tenda pareceume moi atractiva esteticamente, e a selección de libros estaba ben de máis, pois piquei nalgunhas cousas, pero o que me chamou máis a atención foi que no tiven que matarme a buscar o Xallas. Teoría da Existencia de Lois Oreiro, pois estaba nunha das mesas de exposición do primeiro andar (o dedicado á literatura galega).
Tempos Novos número 122A pasada semana xa fora á presentación do texto, na que aparte de Lois tamén participara Manuel González, facendo comentarios moi atinados sobre os problemas dos localismos ou discutindo sobre algún topónimo. Lois, pola súa banda, foi menos académino na súa disertación, e preferíu utilizar algunha anécdota e comentario simpático para agradar a tódolos presentes na presentación do libro que veño de mercar e que agardo ler durante o verán.
Tamén comprei un libro sobre Escher e un impresionante tomo cunha selección de imaxes do cartelista cinematográfico Drew Struzan (autor dos posters de boa parte das películas de George Lucas). Curiosamente tamén había por alí o último número de Tempos Novos, revista que se me pasara completamente por estar máis pendente da intervención cirúrxica do meu irmán, e no que me publicaban un artigo por segunda vez, desta volta dedicado ó fenómeno de Second Life e que reproduzo a continuación:

Second Life: un mundo virtual para os que precisan dunha segunda vida

Reuters en Second LifeA Internet vai moito máis alá da web e dos chats, chegando incluso a converterse nun universo alternativo para algúns usuarios que atopan na Rede unha plataforma para realizarse socialmente dun xeito distinto. Cando estes sistemas de evasión do mundo real conseguen converterse nun negocio nace todo un fenómeno como é Second Life.

Dende os comezos do uso particular da Internet existían distintos xeitos de conversar con outros usuarios (chatear) tanto dende contornos informáticos baseados en texto como con interfaces tridimensionais que imitaban o mundo real, pero non se daban as condicións para que estes sistemas se popularizasen globalmente.
Segundo foi medrando a penetración da banda larga nos fogares, prácticas como a participación en plataformas multixogador en liña, ou o éxito da mensaxería instantánea, foise abonando o terreo que a revolución que se está a producir en Second Life, que vén a ser unha aplicación informática que abre as portas a un mundo virtual 3D de interacción social creado por Linden Lab distribuído nunha ampla rede de servidores e que permite os seus usuarios (ou residentes) a adopción dunha aparencia personalizada, así como permite modificar este mundo virtual e participar nunha economía virtual na que se pode pagar por produtos ou servizos en dólares Linden (que se trocan por cartos de verdade no mundo real, de aí que este universo estea a causar tanta sensación).
Así, os usuarios que ingresan en Second Life, tras instalar o programa correspondente (descargable dende www.secondlife.com) teñen que darse de alta no sistema cun nome de usuario que os identifica, e logo poden dar forma ó seu avatar (ou representación gráfica de cada residente) podendo dende elixir a cor de pelo ata definir a roupa que viste, o que tamén supón unha fonte de ingresos para os desenvolvedores de Second Life (xa que, os elementos máis exclusivos son de pago, o que leva ós usuarios máis fieis a investir na personalización do seu avatar para incrementar a súa personalidade).

¿Quen usa Second Life?

Pese a que este sistema virtual parece un xogo dirixido a rapaces, o certo é que o usuario medio trátase dun varón de 33 anos con estudos universitarios e ocupado laboralmente, o que contrasta co perfil de usuario dos xogos en liña.
Tamén hai que destacar que a meirande parte dos usuarios son estadounidenses, mentres que os españois supoñen só o 3% do total, e nun principio parece que se achegan a este universo virtual atraídos pola curiosidade e a repercusión que está a ter nos medios de comunicación, o que os leva a pasar a meirande parte do seu tempo no sistema ocupados explorando este mundo virtual, no que os avatares non só andan, senón que tamén poden voar (para facilitar o desprazamento entre distintos espazos repartidos en illas).
A interacción con outros usuarios tamén é unha actividade moi importante para os usuarios, á que habería que engadir a personalización dos avatares.

Os medios de comunicación

O Gran Wyoming ten o seu propio plató virtual en Second LifeA relación de Second Life cos medios de comunicación e viceversa resulta moi interesante, pois a meirande parte dos usuarios do sistema (que se achegan ós 5 millóns) coñeceron este mundo virtual pola prensa, a radio ou a televisión, mentres que estes mesmos medios tamén emprenden iniciativas en Second Life, creando unhas sinerxías moi interesantes, nas que un dos expoñentes internacionais foi a apertura por parte da axencia Reuters dunha sucursal virtual, na que publican textos, fotografías e vídeos do mundo real, no que tamén existe unha páxina web (en http://secondlife.reuters.com/) na que informan das novas que acontecen en Second Life. Tamén empregan a súa sucursal virtual para celebrar entrevistas moi especial (que se celebran simultaneamente no mundo real).
Pero os medios españois tampouco son alleos a este boom, e a Cadena SER xa retransmitiu un dos programas de Hoy por hoy a través deste sistema, de xeito que os residentes de Second Life podían asistir ó estudo de radio virtual para ver o transcurso do programa, aínda que tamén se podían facer cun transistor de radio virtual para poder seguir o programa dende calquera punto do mundo virtual.
No mundo da televisión, o achegamento a Second Life parece máis tímido, e así, foi o Gran Wyoming quen, dende o seu programa de La Sexta (El Intermedio) estreou un plató virtual e un elegante avatar personalizado, pero tirando proveito da súa iniciativa organizando un concurso de beleza en Second Life, de xeito que elixiron os avatares masculino e feminino que consideraron máis atractivos.

Os políticos

Manifestación facha en Second LifeAínda que o número de españois presentes en Second Life é reducido, a repercusión mediática deste mundo alternativo levou a políticos coma Gaspar Llamazares a aproveitar a estrearse no sistema, comezando cunha intervención pública no Cafetón de Asturias (onde estaban expostos uns carteis sobre a Guerra Civil) convocando a ducias de persoas coas que compartiron impresións durante máis dunha hora, o que foi o preámbulo do que sería o primeiro mitin dun político español en Second Life, que se retransmitiu dende a sede federal de IU en Madrid, e que congregou a preto de 90 avatares, que mesmo puideron escoitar a voz de Llamazares en tempo real, nun acto breve no que o político pretendía achegarse tanto á xente moza como ós seguidores deste mundo paralelo.
Pero Esquerda Unida non foi o único partido español en entrar en Second Life, pois o PSOE de Oviedo tamén abriu unha sede virtual, o que tamén serviu para que os detractores da política do Goberno se puidesen manifestar ante o mesmo, de xeito que ducias de residentes apareceron fronte o local socialista con bandeiras españolas e pancartas coa frase “De Juana a la cárcel” e inundando o lugar con pompas de xabón.
Esta mobilización se alongou durante varios días, e tiveron un seguimento informativo importante, o que incluso levou ós participantes a organizar unha manifestación rápida na sede do programa El Intermedio para denunciar a manipulación informativa de La Sexta.

Galicia tamén vive unha segunda vida

Centro Galego en Second LifeOs galegos non somos alleos a Second Life, aínda que teñamos unha presenza tan anecdótica como a do resto de culturas non anglosaxonas, pero grazas a persoas como o xornalista Nacho Mirás Fole (tamén popular polo seu blogue Rabudo.com) fundou en Second Life un Cento Galego que conta con bar, carteis publicitarios, exposicións, polbo e mesmo un eucalipto. No local virtual pódense ver carteis con lemas como “vivir na Coruña que bonito é” ou outros que convidan a visitar Lugo, Vigo ou Santiago.
Bershka en Second LifeA intención deste tipo de iniciativas non parece ser outra que animar ó galegos a iniciarse neste mundo virtual, pero as empresas galegas tampouco son alleas ó potencial deste contorno, polo que a cadea Bershka tamén inaugurou unha tenda en Second Life dende a que se poden ver versións dixitalizadas das súas pezas de roupa, contando tamén cunha sala de eventos e concertos e un espazo para encontros.
Así, os residentes en Second Life poderá ver mostras representativas das coleccións da liña de roupa da marca de Inditex, polo que ten así un novo escaparate que abre novas canles de promoción virtual que poderían marcar tendencia.

O futuro

A saúde financeira de Second Life parece ser o elemento que garanta o seu futuro, pois os residentes deste mundo tridimensional virtual non semellan ter problemas en mercar algúns dólares Linden, o que lles custa euros no mundo real (agás que fagan cartos no mundo virtual traballando o facendo emprendendo negocios), pero o interese dos usuarios podería dirixirse a outros mundos virtuais alternativos (especialmente agora que son máis receptivos a este tipo de aplicacións).
O éxito de Second Life inspirou así a creación de plataformas coma o Red Light Center, que ofrece un mundo no que o sexo parece ser o principal obxectivo, ou PlayStation Home, que sería un sistema moi semellante ó de Linden Labs pero que Sony ofrecería de balde ós usuarios que conecten a súa consola PS3 á Internet.
Quedaría só dilucidar se estes mundos virtuais funcionan coma complemento ou coma substituto das relacións sociais no mundo real.

Na miña opinión persoal Second Life é unha trapallada, unha burbulla… ¡unha merda pinchada nun pao! Pero estou a falar do que nos dan a entender que é Second Life (un mundo real no que mesmo se fan negocios) xa que en realidade non deixa de ser un sistema de chat cunha interface lamentable para tal fin. A nivel de usuario o sistema seguro que mellora e evoluciona, pero as empresas só teñen un motivo para iniciar proxectos en Second Life: saír na prensa sen ter que pagar espazos publicitarios. Quen non ve iso é porque non quere (ou porque vive do asunto).

A Tempos Novos do mes de xullo trata temas moi importantes como a historia de Reganuestra, o voluntariado, a actualidade política ou a lingua, facéndome especialmente graza o artigo seguinte (que se pode ver en Vieiros):

Tan gallego como tu madre
A boa educación sempre foi a mellor virtude dos criados.
Un artigo de Leo F. Campos ilustrado por Xosé Carlos Hidalgo.

y luego!A boa educación sempre foi a mellor virtude dos criados. O premio, a pedra de azucre da pax lingüística, 30 anos de paz, logo de 30 años de paz. A paz dos cemiterios, onde xa hai máis galegofalantes ca nas poboacións.
O Decreto destapa o conflito lingüístico que acochaba o bilingüismo harmónico, a diglosia estilo siente un pobre a su mesa. A profe de Lengua fronte á de gallego. En Catalunya e Euskadi nunca houbo harmonía e gañan falantes, mentres aquí os perdemos.
Os idiomas non son sacas de patacas. Coñecer a sétima e a terceira linguas máis faladas do planeta garante máis capacidade lingüística. O monolingüismo en castelán -un de cada cinco mozos é incapaz de empregar o galego- condénanos a seguir sendo un dos estados de Europa menos dotado para as parlas. Pero claro, os tan gallegos prefiren isto a facer un mínimo esforzo de actualización pedagóxica.
E recorren, coma os EUA, á vitimización do verdugo. Tan gallegos como el gazpacho.

Galeguidades aparte, cando pasando as follas da revista vía o deseño da chapa (ocupa unha páxina enteira) co “y luego!” en vez de “e logo!” non puiden evitar escachar coa risa, porque estaba a imaxinar a frase con acento coruñés coma fai Antón en Zapping, e incluso se me ocurría continuar cun “¿te miré yo?“. ¡Menuda kiada, neno! 😀
Os que se sintan moi identificados sempre poden pasar por Chukelo.com para mercar unha camisola a xogo con este tipo de expresións.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS