Columna en GZNación

Durante a pasada semana varios medios dixitais renovaron a súa web, coma foi o caso de GZnación, que non só cambiou estéticamente, senón que tamén se abriu á colaboración...

GZnaciónDurante a pasada semana varios medios dixitais renovaron a súa web, coma foi o caso de GZnación, que non só cambiou estéticamente, senón que tamén se abriu á colaboración dos lectores e de moitos outros persoeiros e blogueiros. Entre este últimos está un servidor, e hoxe publican a miña primeira columna de opinión no medio:

A bandeira galega na Internet
No mundo real temos moi claro o que é a bandeira galega, tanto a básica (branca e azul) como a institucional (co escudo) aínda que nos últimos tempos case acadasen meirande visibilidade alternativas como a bandeira de Nunca Máis ou a que sitúa unha vaca rubia galega coma escudo, pero na Internet a identificación de Galicia non é tan doada, non existindo unha situación no mapa, nin un grafismo representativo e, especialmente, carecendo dun dominio de primeiro nivel que nos sitúe na Rede como a España (.es), Europa (.eu) ou mesmo Xibraltar (.gi). Precisamente para resolver tal carencia a Asociación PuntoGal está a traballar para que exista un dominio para a lingua e cultura galegas (.gal) que marcaría o noso lugar no mundo virtual que constrúe a Rede de Redes.
Pero o dominio de primeiro nivel só sería un paso máis no avance de Galicia na Internet, sendo moito máis importante o feito de que medren os contidos galegos e/ou en galego, para acadar unha visibilidade importante neste mundo globalizado onde o que non está en liña non existe.
A cultura e a lingua da nosa terra precisan dun espazo na web que teremos que construír día a día entre tódolos galegos, aínda que se están facendo moitos avances, dos que destacaría a proliferación dunhas bandeiras que moitos consideran insignificantes, pero que marca unha marea do cambio. Falo dos banners.
Os banners son un formato publicitario presente en boa parte das páxinas web, cunha tradución que podería ser tanto bandeira coma pancarta, que constitúen unha manifestación de contidos e unha instancia ó seu acceso, e que se reducían normalmente a campañas de grandes empresas norteamericanas, pero que nos últimos temos están a segmentar as súas audiencias e fan que a tecnoloxía permita dirixirse ós internautas dun xeito máis preciso, polo que xa non debería sorprendernos atopar publicidade en galego tanto nas webs do país como en espazos estranxeiros, o que moitos agradecemos (se temos que tragar anuncios, mellor que nos leven a contidos feitos para nós).
Este fenómeno está promovido en boa medida pola existencia dunha axencia de medios interactivos galega que emprega tecnoloxía de Double Click, pero eu teño claro que non me molesta cómo nunha web aparece un anuncio en vídeo avisando da misión da serie Heroes na TVG, de cómo fan as cousas ben “de principio a finos de Feiraco ou da nova campaña de Medio Rural. Cando a publicidade me informa da nova exposición do CGAC, das novas axudas ca Consellería de Vivenda e Solo ou de informacións destacadas nunha web promovida pola Consellería de Innovación e Industria, non só fai un servizo público, senón que está a dar a entender que hai todo un espazo galego na Rede polo que nos convidan a navegar.

Curiosamente a imaxe saíu na portada da web xunto a un banner da Asociación PuntoGal, o que foi unha agradable coincidencia 😉

Tamén me presentaron co seguinte texto:

Marcus Fernández, novo colaborador de GZNación
GZNación incorporá a Marcus Fernández á súa lista de colaboradores. Marcus ocuparase da actualidade das novas tecnoloxías, e de Internet en Galicia e no mundo, un asunto do que é un gran coñecedor, como demostra nos traballos que publica en Código Cero e máis no seu blog marcus.es
Marcus Fernández (Santiago de Compostela, 1975) – Con formación en Informática, desenvolveu a súa actividade profesional no mundo da Internet, participando en iniciativas pioneiras na Rede galega, así como no asociacionismo (ISOC-GAL, EGANET e a Asociación PuntoGal). Exerce funcións de administración e redacción da web de Código Cero (diario de novas tecnolóxicas de Galicia) dende hai 6 anos, o que combinou con preto de 3 anos nunha experiencia de televisión local en Compostela. Complementa a súa actividade profesional cun blog persoal e distintas colaboración en medios escritos e radiofónicos galegos.

¡Aí queda iso! Dá gusto que reciban a un así 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS