El Jueves

Non tiña pensado falar do tema, porque estaba a saír en todas partes, pero agora xa non podo evitalo. O pasado venres a web de El Jueves amosaba esta...

Non tiña pensado falar do tema, porque estaba a saír en todas partes, pero agora xa non podo evitalo. O pasado venres a web de El Jueves amosaba esta imaxe:
Web de El Jueves
Pero o que me pareceu gravísimo foi que o sábado e o domingo a páxina estaba inaccesible, ou sexa, que algún espabilado pechou a web como unha medida de bloqueo totalmente desmedida. Parece que ó final entraron en razón e o único que quitaron da web foi a imaxe da portada da revista (o que resulta máis razoable).
Agora ben, hai que recoñecer que iso do secuestro, aparte de ser unha medida absurda e ridícula, que non impide a difusión da mesma porque xa non estamos no réxime de Franco (non sei de ningunha librería galega na que secuestraran os exemplares da revista, ou sexa, que os panolis que pagan en eBay máis do prezo de portada pola revista deberían pensar mellor onde meten os cartos), non ten aplicación na Internet, e conceptos coma os moldes da revista hoxe non teñen sentidiño ningún, como ben amosou Armando Salas na súa tira editorial publicada en varios xornais galegos:
o molde de El Jueves por Armando Salas
O certo é que de existir os moldes farían ben en requisalos pois a min deume a impresión de que, lonxe do secuestro da edición, El Jueves debeu de sacar unha 2ª tiraxe, pois a revista estaba por todas partes, e o pasado sábado no quiosco do CHUS de Compostela tiñan unha pila de exemplares xunto a caixa rexistradora, ou sexa, que lle estaban a dar un tratamento semellante ó da edición do Barbanza de La Voz de Galicia… ¡manda truco!

Iso si, agora El Jueves volveu a ser unha revista coñecida, e con polémicas coma esta acada sona internacional (mesmo falou do asunto Daryl Cagle no seu blog, de xeito que o lerían a meirande parte dos humoristas gráficos da prensa norteamericana) e poderá resucitar as vendas e a captación de publicidade para non rematar coma El Víbora.

Podemos falar de polémica, de liberdade de expresión, de actuacións xudiciais excesivas… pero algo que non hai que esquecer é que ninguén falaba da portada de El Jueves ata que saíu o xoves ó serán en Aquí hay tomate, o que deixa en evidencia que é totalmente desproporcionado que se poida secuestrar unha edición dunha revista mentres que na televisión poden facer o que lles dea a gana. ¿Por qué o mundo da prensa do corazón que non para de publicar calumnias, imaxes roubadas, fotografías de menores… é intocable?

Non me parece ben que se actúe como se está a facer contra El Jueves, e o suposto mal gusto da ilustración (que para min non é tal) non deixa de ser un mal argumento por parte de moitos persoeiros públicos e tertulianos que cando lles preguntan sobre o tema responden con evasivas. A situación lémbrame moito a cando meteron preso a Ivá polo chiste do río máis longo de España (que para quen non o lembre, era o “Guadiasiví, pojque nase en Andalusía y va a morí al Paí Vajco“) e así solidarízome con manifestacións públicas como a que fai Jesús Martínez del Vas con tira que publica hoxe:
JMV e El Jueves
A miña reflexión final sería: se non estivesemos no verán, coido que esta nova non tería a repercusión que está a ter, e ocuparía só as páxinas interiores duns poucos xornais 🙁

ACTUALIZACIÓN: A rectificación de El Jueves ten o seu aquel:
Portada rectificada

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS