A inauguración da FNAC

Este martes ás 20:30 horas a tenda da FNAC na Coruña abriu as súas portas para a prensa e varias ducias de convidados, nun evento espectacular no que se...

Cartel promocional da inauguración da FNAC na CoruñaEste martes ás 20:30 horas a tenda da FNAC na Coruña abriu as súas portas para a prensa e varias ducias de convidados, nun evento espectacular no que se puido escoitar en directo a voz de Rosa Cedrón, así como ver de primeira man o que achegará este interesante centro ós clientes coruñeses.
A rúa da Praza de Lugo estaba ateigada de xente entre as que se podían distinguir a moitos persoeiros coruñeses e galegos en xeral. No momento de chegar eu xa me topei con Xosé Ramón Nóvoa (de Galiciaamano), Antón Lezcano (de Zapping), Kike Benlloch (de Polaqia), a xente de Corunet, a Manolo González (da Real Academia Galega) e a moita outra xente.
A xente agardando para entrar na FNAC para a súa inauguración
Unha vez que nos permitiron pasar atopamos unha habitación bastante baleira na que podiamos ver nas paredes estanterías con películas en DVD, discos e videoxogos, no que se supón que é unha escolma do máis actual que teñen na tenda, a xeito de adianto, pois ese andar só é a entrada da tenda, que está no sótano.
Coido que para coñecer a disposición das cousas, o mellor é ver o seu correspondente plano:
Plano da FNAC na Coruña
Como podedes ver, tras baixar as escaleiras mecánicas atopamos de fronte a sección máis friki tecnolóxica da tenda, que xunta a telefonía móbil coa informática e moi especialmente os reprodutores multimedia portátiles.
Sección de audio portátil da FNAC
Espazo MacAí quedei totalmente impresionando, non só tiveran a intelixencia de colocar en posicións privilexiadas ordenadores de Apple para dar boa imaxe, senón porque no tocante a reprodutores de MP3 tiñan máis variedade que o Carrefour e PC City xuntos. Así, non só había toda a gama de reprodutores iPod, senón que tamén había o Zen Stone (resposta de Creativa ó iPod Shuffle que só custa 39,99 euros fronte ós 79,90 euros do reprodutor de Apple) e mesmo varios reprodutores de Blusens (pois son bastante difíciles de atopar, aínda que o feito de que José Ramón García estivese por alí podería ter algo que ver coa boa oferta dos seus dispositivos). Tamén había moitos accesorios para os reprodutores (algo de agradecer) e a sección de móbiles era bastante potable (había un completo surtido de terminais HTC e doutras marcas) apostando por unha boa oferta de móbiles libres, algo que sorprende se miramos a outros centros comerciais que tenden a beneficiar a unha operadora de telefonía en concreto.
Pero deixando as frikadas tecnolóxicas aparte, o resto da tenda era bastante completa, cunha sección de películas en DVD que deixan á altura do betún a El Corte Inglés (que reduciu hai meses o tamaño da sección de cine) polo que coido que xa teño unha tenda de referenza para ese tipo de compras (salvo ofertas puntuais).

No tocante ós libros e á música non mirei moito (pola sección de libros só me parei a saúdar a Alberta, a profesora da Escola de Italiano de Zapping), pero fixeime que os comics que teñen son máis dos de regalar que dos de comprar (tomos grandes, vaia) e á sección de socios non lle puiden facer moito caso porque había unha inmensa cola de xente que quería facerse co Welcome Pack para ter durante 2 anos a oferta dun 4×3 en discos, libros e DVD (ou sexa, ata un 25% sen agardar ó verán ou ás rebaixas de xaneiro como acontece no Corte Inglés) xunto cun desconto do 5% no resto do material (supoño que é un desconto que se agradece ó comprar un televisor ou un ordenador).

Para rematar comentarei que este centro conta con FNAC Café, de xeito que ó asistir ós eventos que alí organizan ou ó quedar alí con algún amigo hai onde pasar o tempo sen estar dando voltas polas estanterías. Hoxe alí foi onde se presentou a nova tenda, apadrinada por Antón Reixa, e tamén se puido ver a moita xente popular por alí que ía dende músicos coma os de Siniestro Total ou Rosa Cedrón ata blogueiros coma Manolo Gago e Martín Pawley, pasando por persoeiros da cultura galega coma Isaac Díaz Pardo. Ou sexa, que parece que houbo unha boa selección de asistentes (aínda que botei en falta a Paco Vázquez buscando material na sección de comics 😉 ).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS