Rematou Heroes

Ai, ai, ai… veño de comer con Hero, Claire, Peter, Nikki, Noah e o resto de protagonistas de Heroes, ou sexa, que aproveitei a hora do xantar para ver...

Ai, ai, ai… veño de comer con Hero, Claire, Peter, Nikki, Noah e o resto de protagonistas de Heroes, ou sexa, que aproveitei a hora do xantar para ver o último episodio de Heroes e sen escarallarlle a ninguén o final podo asegurar que está tremendo. É un dos poucos finais dignos dunha tempada que vin en moito tempo, pois pecha a historia como ten que ser.
Heroes en DVDHeroes debería servir de exemplo a outras series, que en vez de alongarse cando acadan certo éxito deberían pechar arcos argumentais. Amais, ó entender as tempadas coma volumes (como se fai moitas veces nos comics) tamén fai máis doada a comercialización en DVD (que supoño que tamén contará cunha edición especial incluíndo os comics que se publicaron na Rede, aínda que polo momento só hai prevista unha edición normal de 7 DVD cunha chea de extras).
Iso si, sen rematar cun “continuará” a serie sementa unha continuación coa mera mención de que hai unha persoa mala que é aínda peor que Sylar. E quitando que no verán teremos unha mini-serie en plan spin-off, poderemos ter cedo un segundo volume da serie do que xa temos un adianto:

Titulándose Generations supoño que irá de viaxes no tempo, no que se recollerá a historia de anteriores heroes, posiblemente para arranxar unha crise no presente (ou no futuro). Ou sexa, que Hiro seguirá a ser o protagonista e personaxe favorito. ¿Cal será o lema da seguinte tempada? Porque “salva á animadora, salva ó mundo” xa non debería valer, ¿non?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS