Non estou morto

Aínda que o pareza, nin estou morto, nin estou tomando cañas, pero por motivos laborais non puiden actualizar este blogue nas últimas dúas semanas, xa que dende primeiros de...

Aínda que o pareza, nin estou morto, nin estou tomando cañas, pero por motivos laborais non puiden actualizar este blogue nas últimas dúas semanas, xa que dende primeiros de xaneiro comezamos as emisións de Correo TV, a nova televisión do Grupo Correo Gallego, na que me vin involucrado de rebote (mercaron Código TV). Como pasa con tódolos comezos, as cousas son complicadas e precisan de moito traballo, polo que incluso me resulta difícil atopar tempo para durmir, polo que non só teño que pedir desculpas por non escribir neste espazo (resulta simpático lembrar que cando veu a un debate na tele Loli, sorprendeuse de verme porque non comentara no blog que traballaba alí), senón que aínda sinto máis non poder ler o que escribe o resto do blogomillo (así como ter o karma de Chuza! en horas baixas).
Procurarei manter este espazo vivo, pero a periodicidade se verá bastante tocada ata que se normalice a miña carga de traballo (¡quen carallo me mandaría a min facer de todo!).

Polo momento continúo administrando (aínda que escriba pouco) a web de Código Cero e os servizos asociados ó dominio Melide.net, pero a deixadez da miña páxina persoal só reflicte o meu agobio actual, que agardo que dure pouco, xa que gusto de comunicar cos demais.

Tamén sinto non ter asistindo ó Primeiro Aniversario do Cocktail Cadius coruñés. Intentarei asistir ás vindeiras xuntanzas, pois son encontros que paga a pena manter no tempo.

Agora, aproveito este respiro para darlle os parabéns a Chago, un melidense que veu premiado un traballo que realizou con moitos atrancos (perdou a súa tese doutoral por un problema informático, e non tiña copia de seguridade, polo que tivo que volver a elaborala):

Un traballo sobre alumnado rural gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Un traballo que analiza a nivel cuantitativo e cualitativo a discriminación do alumnado rural que acode a centros de ensino da vila de Melide é o gañador da duodécima edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Santiago Prado Conde é o autor do estudo, titulado Poboacións non pertinentes nas institucións educativas. O alumnado con procedencia rural na terra de Melide .
Convocado polos concellos de Allariz e Castro Caldelas e polas fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco, foi fallado onte polo xurado formado por Fernando Acuña Castroviejo, Teresa Devesa Graña, Xosé Manuel Cid Fernández, Francisco Fernández Rei e Xerardo Pereiro Pérez. Salientan que se trata dun traballo pioneiro na antropoloxía da educación e que convida á reflexión e á transformación da actual realidade educativa. O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.

E tralas explicacións anteriores, teño que admitir o meu abraio ó consultar a listaxe do blogomillo que manteñen dende Blogaliza, xa que este espazo está na quinta posición (e a Suevo tampouco lle vai mal):
Os blogues todos do blogomillo
¿Será por difundir os éxitos de Edilberto Alonso? ¿Por apoiar ó PuntoGal? ¿Ou será simplemente porque os amigos que un fai día a día neste mundo virtual teñen a ben ligar este blogue dende os seus? Gusto de pensar este último, así que, grazas a todos por continuar aí.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS