Os novos… ou non tan novos

En La Voz de Galicia falan da reposición de Os novos na TVG: A TVG repón a serie británica «Os novos» con outra dobraxe A canle debe regravar o...

En La Voz de Galicia falan da reposición de Os novos na TVG:

A TVG repón a serie británica «Os novos» con outra dobraxe

  • A canle debe regravar o son dos espazos anteriores ao ano 1990
  • Os espectadores promoveron unha longa campaña na que se reclamaba a emisión do programa

Os novos na TVGEn agosto do 2003, nun templo do parque Yoyogi de Toquio, un visitante galego deixou a seguinte mensaxe entre os centos oracións que agardan polas intercesións dos deuses: «Desexo que repoñan Os novos na TVG. ¡A ver si desta!». A petición sumouse ás moitas que recibiron na Televisión de Galicia, e que fixo de Os novos a serie máis solicitada na canle autonómica. Dende finais dos oitenta, cando se emitiron os 12 capítulos desta produción británica, nunca deixaran de chegar á TVG cartas ou correos que solicitaban a súa reposición, pero a demanda adquiriu rango de campaña coincidindo co cambio de dirección.

A Televisión de Galicia accedeu e mañá emitirá a cuarta entrega dobre dunha serie para a que houbo de encargar unha nova dobraxe. «Temos un protocolo polo que debemos gravar de novo as voces das emisións anteriores a 1990», explica o responsable de programas, Eduardo Galán. Este foi o mesmo motivo polo que non se cederon os dereitos da dobraxe para a edición en DVD de Os novos .

Retirados da profesión

A intención orixinal da TVG era contar cos mesmos actores de dobraxe para a nova versión, pero, segundo Galán, algúns «deixaran a profesión», polo que recorreron a novos profesionais. O estudio da primeira dobraxe, a casa Sonor, tamén desaparecera.

Dende a súa reemisión, os capítulos de Os novos acadaron unha media de 46.000 espectadores; o domingo pasado acadou unha cota de pantalla do 10,3%. Na Televisión de Galicia tamén están sorprendidos polo feito de que, despois dunha campaña tan intensa de peticións, non se recibira ningunha mensaxe sobre a reposición. Os novos foi unha serie que conectou moi ben co público mozo e urbano galego de finais dos oitenta, pero tamén deixou pegada no seu país de orixe, o Reino Unido. Gravada en 1982, co seu espírito transgresor e irreverente o programa renovou as comedias de situación. Rik Mayal ou Nigel Planer, residentes dese piso entolecido onde convivían un hippy e un punqui, achegaron aire fresco ao humor da BBC. Ademais, a serie contou con convidados especiais que hoxe son estrelas: Hugh Laurie, Stephen Fry e Emma Thompson, entre outros.

Non podo deixar de comentar varios detalles sobre a serie que arrasara na TVG. Primeiro, a serie funcionou moi ben nunha época en concreto, pero hai que recoñecer que pasou o tempo, o humor evoluciona constatemente, e os mozos de agora se ven ós The Clash non teñen nin idea de quen son.
Sobre as demandas da audiencia por recuperar a serie, ¿alguén lembra cando apareceu tal demanda? Porque eu a lembro a mediados dos anos 90, e logo chegou o eMule e atendeu tal demanda. Trala aparición das gravacións dos Novos na Internet, chegou o DVD que, aínda que non incluía a pista de audio en galego que emitiran na TVG (que tampouco existe agora en antena, e que era unha das principais coñas da serie), encheu o baleiro que había e agora, que retomen a serie á emisión non deixa de ser algo que chega tarde, mal e arrastro.
Gusto do feito que volvan a emitir a serie, pero nestes momentos encaixa máis nas madrugadas de Cuatro (ou dunha canle de Digital+) que na Galega. Agora moita xente pode caer da falsa lembranza dunha serie boísima, e algúns incluso recoñecerán que os traballos posteriores de Rik Mayal están mellor. Eu coido que hai outras series que merecían volver a antena, pero que deberían agardar á aparición dunha segunda TVG, xa que non encaixan nunha guerra pola audiencia. ¿Quen vería hoxe Alló, Alló ou o Dr. Who? Son series míticas, e dificilmente captarán unha audiencia masiva… iso si, a de Cabaleiros con aquel teñen que botala xa, que quero montar o son en galego nos DVD en inglés que teño 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS