As Rumorosas de Tolomei

Esta semana volvín a gustar do programa Somos unha potenzia, pero teño que recoñecer que a sección das Rumorosas desconcertoume un chisco, xa que non a atopei moi comprensible....

Esta semana volvín a gustar do programa Somos unha potenzia, pero teño que recoñecer que a sección das Rumorosas desconcertoume un chisco, xa que non a atopei moi comprensible. Por iso quixen intentar axudar á xente a comprender un pouco de qué foi a sección.
Portada da revista AndainaPara comezar, falaron dunha revista feminina coñecida coma Andaina, pero que está dirixida ó que deron en chamar mulleres bravas. Ou sexa, que ninguén se leve a engano, porque a revista non trata temáticas típicas de revistas coma Nuevo Vale, polo que non se atopará nesta publicación instruccións para acadar unha maquillaxe perfecta, nin de cómo facer unha felación perfecta, nin de cómo vestir como unha puta sen parecelo… ¡nin sequera inclúe test para saber se a túa parella actual será o amor da túa vida!
Andaina trata normalmente temas como a cultura, o ensino, a prostitución, a sexualidade, o traballo, o feminismo, o movemento LGBT, a arte, os deportes… sempre dende un punto de vista feminino (e feminista) e dando cabida tamén á reivindicación de mulleres senlleiras, ou sexa, figuras femininas que xa son históricas coma Billie Holiday, Emilia Pardo Bazán, Maruja Mallo, Pilar Miró ou Victoria Ocampo.
O máis impresionante da publicación probablemente sexa a diversidade de autoreas de contidos, xa que non se trata de media ducia de colaboradoras, senón que hai tantas persoas coma artigos, o que da unha riqueza de contidos que fai que a revista mereza estas liñas e moitas máis.

Pero volvendo ás Rumorosas, no programa recomendan o blog de Pía de Tolomei e, claro, a Pía de Tolomei non é só o seudónimo dunha moza, senón que tamén é un cadro, unha película, unha ópera… polo que o xeito máis doado de atopala é saber que o seu blog está nos MSN Spaces e concretamente no enderezo piadetolomei.spaces.msn.com.

O blog de Pía de Tolomei abre convidando ós visitantes a participar no vindeiro MariBingo que se celebrará dentro das Seoane Sessions (Zapping inaugurara as do pasado ano) este venres ás 21:00 horas na Fundación Luis Seoane (no Parrote da Coruña):
Cartel promocional do MariBingo

Hai máis información deste tipo de cousas na web das MariBolheras Precárias, que foron precisamente as que penduraron a bandeira multicor na vez da bandeira de España no paseo marítimo coruñés:
Bandeira multicor na Coruña

O propio acto inspirou unha simpática tira cómica:
tira sobre a bandeira multicor

En fin, que xa din un bo repaso á sección das Rumorosas, polo que xa é hora de por o vídeo, por se alguén non a seguiu pola televisión:

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS