Cazando fakes

Os fakes, bulos, trolas ou dixomedíxomes son informacións falsas transmitidas como veraces, normalmente entre individuos, de xeito que dificúltase o seu contraste, o que fai que cando nos comenten...

5fef038a-16dc-4faa-935f-3590c74e8150Os fakes, bulos, trolas ou dixomedíxomes son informacións falsas transmitidas como veraces, normalmente entre individuos, de xeito que dificúltase o seu contraste, o que fai que cando nos comenten unha suposta nova que poida resultar sospeitosa, sexa preciso contrastala, procurando atopar a súa fonte.

Por que comento isto? Pois porque hoxe dúas persoas diferentes mandáronme unha imaxe que está a circular polo WhatsApp, na que claramente están a acusar de narcotráfico aos responsables da polbeira de Ezequiel, empregando para  iso unha fotografía de mala calidade da páxina web de La Voz de Galicia.

Varias son as pistas que nos poden levar a pensar que estamos ante un fake:

  • A fotografía ten moi pouca calidade (o que dificulta a súa verificación)
  • Non vén acompañada por unha ligazón (se queres dar conta dunha nova da web de La Voz, por que non remites ao interesado na mesma á propia páxina web, en ves de mandarlle só unha fotografía dun titular?)
  • A nova vai acompañada por unha fotografía publicada en La Voz en 2011 (cando o xornal saca fotografías no establecemento varias veces ao ano)
  • Resulta imposible atopar información ao respecto a través de Google e do buscador da web de La Voz
  • Informacións adicionais que figuran na páxina web corresponden ao pasado domingo (cando claramente non leu a nova ninguén, pois sería moi rechamante)
  • E o máis descarado de todo é que unha nova sobre narcotráfico figure na sección de Gastronomía

exhibicionista_fakeSe con todos estes detalles alguén non está convencido de que se trata dun fake, en menos dun minuto pode demostrarse o doado que é parir unha peza así. Chega con visitar a web do xornal dende Chrome, ir á Inspeccionar, e darlle a editar nos contidos dunha nova en concreto. Logo sácaselle unha fotografía á pantalla para que ninguén poida descubrir o truco, e distribúese por plataformas como WhatsApp para dificultar que se atope a orixe.

Para demostralo collín unha fotografía do meu irmán con Terry Porter, e así vese o doado que é o conto.

O caso en cuestión tráeme sen coidado, pero quería aproveitar este suceso para advertir que debemos contrastar as informacións que recibimos, buscando sempre un medio solvente como fonte, xa que, en caso contrario, podemos cometer o erro de redistribuír unha falsidade, sen ser conscientes de que poderiamos estar a cometer un delito (xa que pode considerarse tan culpable ao que crea a imaxe calumniosa como os que difunden a información que dana a honra dun cidadán). Aquí a barreira entre cometer ou non un delito está en se resulta claro que se trata dunha broma, e neste caso eu non lle vexo a graza. Ou sexa, que hai que ser prudente antes de replicar información non contrastada.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS