Jessica Jones estrea tráiler

Xa está aquí. Por fin temos un tráiler completo da serie que o 20 de novembro achegará Netflix, Jessica Jones, un personaxe bastante secundario da Marvel, que vive en...

Jessica Jones

Xa está aquí. Por fin temos un tráiler completo da serie que o 20 de novembro achegará Netflix, Jessica Jones, un personaxe bastante secundario da Marvel, que vive en Hell’s Kitchen (o fogar de Daredevil) e que cruzará a súa vida coa de Luke Cage/Power Man (un dos Heroes de Aluguer máis coñecidos da banda deseñada), até o punto de que no cómic son unha das poucas parellas que enxendraron unha filla.

Polo que parece, a serie protagonizada por Kristen Ritter conta a historia que en papel puidemos ler na serie Alias, que podemos atopar actualmente recompilada nun par de tomos bastante manexables (que te pretendo repasar en novembro antes da emisión da serie), polo que teremos a unha muller con poderes que decidiu agocharse baixo o rol dunha investigadora privada, pero que terá que enfrontarse a un inimigo do seu pasado, o Home Púrpura, que supoño que na ficción televisiva responderá directamente ao seu nome real, Zebediah Killgrave, figura que parecen querer manter na sombra no tráiler para dar emoción, aínda que é un esforzo bastante fútil por saberse que o segundo actor acreditado na serie no é outro que David Tennant, o meu doutor Who favorito.

David Tennant

Teño curiosidade por ver o cabrón que pode chegar a parecer o bo doutor. De feito, o casting da serie é todo un reto, xa que a protagonista é famosa por facer comedia, e o malvado por ser unha cara amable, de xeito que ambos mudarían bastane do seu rexistro máis público.

Coido que cómpre darlle un voto de confianza, especialmente no caso de ter gozado de Daredevil, serie que admito que me sorprendeu moi gratamente. Estará Jessica Jones á altura? Conseguirá consolidarse Hell’s Kitchen como un escenario de ficción con identidade propia? Chegará algún dos personaxes destas series a ter un rol importante no universo cinematográfico da Marvel?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS