Hospital Real na Radio Galega

Levo meses entusiasmado polas series televisivas galegas, xa que por fin estou enganchado a máis unha serie producida para a TVG, o que é todo un logro, e, aínda...

bico

Levo meses entusiasmado polas series televisivas galegas, xa que por fin estou enganchado a máis unha serie producida para a TVG, o que é todo un logro, e, aínda que a miña ficción galega favorita segue a ser Serramoura, admito que Pazo de Familia e Hospital Real conseguen manterme pendente do que acontece aos seus personaxes, conseguindo esta última algo que non esperaba que puidera facer nunca cunha serie galega: marcarme un NetFlix! (ou un binge se imos de culturetas)

Resulta que a Galega decidiu emitir Hospital Real dun xeito bastante absurdo, partindo a primeira tempada pola metade, de xeito que os primeiros 8 episodios puidémolos ver antes do verán, e agora retomaron a serie no episodio 9, co consecuente desenganche de moita audiencia, pero cunha curiosidade máis que salientable: a RTP2 emitiu a serie completa no mes de setembro. Ou sexa, que por primeira vez na historia unha serie galega veuse antes completa en Portugal que en Galicia, o que abriume unha porta: sería posible descargar os episodios de Hospital Real do servizo de televisión á carta da RTP? Nun principio só ofrecen o último episodio e limitan o seu sistema a enderezos IP portugueses, pero cun par de truquiños conseguín saltar a seguridade e, finalmente, descarguei os episodios que quedaban por emitir antes da pasada ponte, para poder meterme unha satisfactoria enchente. En dúas sesións ventileime o que quedaba de Hospital Real para rematar lembrándome na familia dos guionistas. Que final!!! A primeira tempada de Hospital Real remata dun xeito moi dramático, deixando ao espectador con ganas de máis, o que é bastante desesperante, pois aínda non comezou a gravación da segunda tempada e, de feito, nin sequera está confirmada, o que espero que fagan pronto, pois sería unha mágoa que tivesen que esperar a que esta produción televisiva leve premios para que dean luz verde a novos episodios dun novo universo narrativo que demostra que para contar certas historias non hai que marchar ao Londres vitoriano, senón que podemos ambientalas na propia Compostela.

felicidade

Precisamente por saber da miña afección por Hospital Real, esta semana os compañeiros do programa A Tarde da Radio Galega convidáronme a quedar un anaco despois da miña sección para conversar un anaco con dous dos protagonistas da serie, Xosé Barato (Cristóbal) e Tamara Canosa (Rosalía), que no episodio da semana anterior desataran a súa paixón, creando o que posiblemente foi o grande momento cómico de toda a serie (pola cara de satisfacción que tiña Rosalía despois de ter consumado co seu amado). Velaquí deixo o corte:

Son moitas as anécdotas que debeu de dar a gravación da serie, e os seus intérpretes están a demostrar grande interese na súa promoción, o que demostra o seu compromiso cun proxecto que confío en que poida ter continuidade, para que podamos coñecer un pouco máis dos métodos de diagnose do doutor Devesa-House, das relacións entre o persoal do Hospital Real, dos enredos políticos locais, das consecuencias da guerra con Francia ou incluso certos segredos dos que sabemos da súa existencia pero que quedaron por desvelar.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS