Mexillóns, esquíos e cervexas en fase de probas

Veño de pasar unha semana bastante activa socialmente, por coincidir en 5 días 3 eventos tecnolóxicos en distintos puntos xeográficos da nosa comunidade, o que serve para indicar o...

Veño de pasar unha semana bastante activa socialmente, por coincidir en 5 días 3 eventos tecnolóxicos en distintos puntos xeográficos da nosa comunidade, o que serve para indicar o dinamismo do sector TIC en tempos de crise (non esquezamos que en momentos como os actuais xorden máis oportunidades. Toca agora facer un pequeno repaso dos últimos días.

josecomefala en MexilOnseTuits

Para comezar, o pasado sábado en Bueu tivo lugar o I Festival de Social Media de Galicia, que baixo o nome de MexilOnseTuits buscaba crear certa complicidade cos aspirantes a algún dos seus moitos premios entregados nunha gala xenialmente conducida por Xosé Manuel García, presentador do programa Come e Fala da Radio Galega, quen acudiu ao evento vestido con grande elegancia, arrincando berros de “ghuapo” ao público e dando pé a numerosos tweets que comentaban o distinguido do seu porte (que el mesmo instase a que fixeramos tal comentario non tivo nada que ver, ¿eh?). 😀

risas en MexilOnseTuits

Antes da entrega dos premios do Social Media de Galicia, puidemos ver un par de relatorios: na casa xogaba Rubén Bastón, quen ao facer referencias ao bo facer de Rodeiramar 2A, levou á autora do seu blog, Merchi, a esmendrellarse na butaca (¡momentazo!); e dende Ferrol viña o blogueiro David Serantes, que foi tan instrutivo e divertido como sempre (aínda non me decepcionou nunha cos seus relatorios, o que non podo dicir de moitos outros).

Dos premios, houbo un pouco de todo, pero o que considero máis xusto foi o que recaeu no Capítulo Cero de Manuel Gago, elixido como Mellor Blog Informativo/Cultural. Xa teño comentado que para min os dous grandes blogues galegos son os dos Manolo (Gago e Bragado), polo que non creo que sexa preciso engadir nada máis.

Diego en MexilOnseTuits

Pasadas as candidaturas oficiais, a Diego Pons entregóuselle unha mención especial polo seu Viajando con Diego, e aínda que non me parecese nada revolucionario, ao escoitalo falar no seu discurso de agradecemento, mudei de parecer, pois resultoume inspirador. Pons narrou o nacemento do seu proxecto, como pasou de ser un músico que gravaba vídeos das súas viaxes a converter isto último na súa actividade principal, o que serve de exemplo de renovación persoal, da que moitos deberían tomar exemplo.

Para rematar de falar do MexilOnseTuits non podo deixar de comentar que é a primeira vez en moitos meses nos que nun dos encontros tecnolóxicos aos que asisto non se pasa fame. Se algo souberon facer ben en Bueu e enchernos o bandullo con empanadas de todo tipo, tortilla, croquetas, mexillóns e deliciosas tortas de sobremesa. Todo nun ambiente de moi bo rollo, que fixo que os asistentes quedasen con ganas de repetir o ano que vén, algo moi difícil de conseguir nunha primeira edición.

Appvisor en Compostela

Xa o luns puiden asistir á presentación dun proxecto co que teño contacto dende os seus primeiros pasos, a aplicación móbil Appvisor, que deuse a coñecer en Compostela, e que máis que unha ferramenta, é un novo modelo de negocio baseado en dispositivos móbiles que busca pór en contacto ao público con expertos de múltiples ámbitos (dereito, medicina, informática…) para atender consultas puntuais que poden responderse de xeito breve ou con completos informes cunha contraprestación económica. Ou sexa, que a xente que non queira/poida perder horas buscando na Rede, e desexe que un profesional garanta a veracidade dunha información co seu prestixio, ten aquí unha interesante proposta que está chamada a medrar nos vindeiros meses, incorporando un nutrido catálogo de expertos.

O máis sorprendente deste proxecto é que ninguén o tivera lanzado antes. Foi unha idea orixinal do avogado especializado no sector tecnolóxico Víctor Salgado, que contou con profesionais como o informático Andrés Ribera para darlle ás teclas, á xente do estudo Oitenta para dar un toque atractivo ao produto e ao consultor en marketing Javier Rocamora para envolver o paquete para agasallo. Un grande traballo en equipo que esperemos que chegue a bo porto.

Betabeers na Coruña

Xa o xoves tivemos que Reinaldo Aguilera convocou o que sería a primeira edición dos encontros para programadores web e de aplicacións móbiles Betabeers na cidade de A Coruña, encontro profesional que polo momento serviu para coñecer mellor a historia e filosofía da empresa Igalia, saber de onde saíu a idea do Galicia en Coworking e ser conscientes das posibilidades de nubeOffice como unha plataforma ofimática na nube que tamén pode servir como campo no que sementar código. Esperemos que este encontro, que para o mes que vén desprazarase a Vigo, consiga coller corpo e adoptar unha identidade de seu, para poder distinguirse doutras iniciativas como Iniciador Galicia por algo máis que o público ao que vai dirixido. ¡Moita sorte nesta nova andaina!

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS