As nefastas críticas de Los Vengadores

A película de Los Vengadores está a arrasar nas taquillas de todo o mundo, con 200,3 millóns de dólares recadados na súa primeira fin de semana nos EE.UU. (superando...

Los VengadoresA película de Los Vengadores está a arrasar nas taquillas de todo o mundo, con 200,3 millóns de dólares recadados na súa primeira fin de semana nos EE.UU. (superando os 169,2 millóns da derradeira de Harry Potter), elevando moito o listón para a nova de Batman que chegará no verán. Nun principio non tiña pensado falar dela neste espazo, pero ao final, despois de atopar un par de críticas nefastas non puiden evitalo.
E non, non me refiro ao punto de vista de Pedro Angosto Muñoz, que pese a ser polémico, non deixa de ter razón en moitos dos detalles que apunta, pois é de xustiza dicir que o filme baséase no Ultimates moito máis que en The Avengers. Dito doutro xeito: buscar fidelidade co cómic é ridículo. A película non adapta o cómic de Los Vengadores, senón que continúa as anteriores películas da Marvel. Nin máis nin menos. E para min é dabondo, pois estamos ante unha obra que entretén pese á súa duración (non entendo por qué a película dura máis de 2 horas, cando podía contarse toda a historia en 90 minutos sen omitir partes esenciais).

Logo, ¿que foi o que me molestou? Pois a achega que fixeron á película dende a Cadena SER, onde omiten todo rigor á hora de abordar a que podería ser a película máis taquilleira do ano.

Iron Man e o Capitán América en Los Vengadores
Dá vergoña allea escoitar a candidade de pifias que soltan ao falar de Los Vengadores na SER: levan mal a conta do número de películas por personaxe (¿Iron Man 3?), din que o Joker era Heather Graham (¿non quererían dicir o actor Heath Ledger en vez da actriz de Austin Powers. La Espía que me Achuchó?), confunden a S.H.I.E.L.D. con The Shield, comentan que na nova de Batman sae Kaine (que é un personaxe de Spider-Man… na de Bats o que sae é Bane)… ¡Menos mal que ao programa convidaron a sabios do cómic!

Podedes escoitar o corte de La Ventana a continuación:

The Hulk en Los Vengadores
Cando menos acertaron ao apuntar que o parecido de Hulk co actor que o interpreta está moi logrado.

Pero a cousa aínda pode ser peor, e se non, mirade a crítica que fai Pumares da película:

Se substitúes o título de Los Vengadores polo de calquera outra película terías unha crítica igualmente válida. Ata parece que Pumares non foi ver o filme, pero cando menos serve para botar unhas risas 😀

Agradezo que falen de películas de superheroes nos medios, pero agradeceríase un pouco de respecto para os millóns de persoas que gozamos destes títulos. É como cando no xornal lemos como sinopse dunha película que é outra de Steven Seagal, Van Damme ou Jackie Chan, cando calquera deles ten filmes coidados e entretidos e auténticos putruños. Cando recorremos á crítica queremos información e non recheo.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS