Eleccións Municipais 2011: novo cambio en Melide

A xornada electoral de hoxe prometía ser movida, e pola mañá a min deume a impresión de que a participación era impresionante (o que normalmente implica un cambio), e...

Multiusos de Melide
A xornada electoral de hoxe prometía ser movida, e pola mañá a min deume a impresión de que a participación era impresionante (o que normalmente implica un cambio), e as cifras déronme a razón, pois a participación matutina pasou do 30,79% ao 35,37%, quedando ao pechar as mesas do 55,63% ao 58,36%, o que serve para lexitimar os comicios.
Pero admito que estou moi impresionado polos primeiros resultados, pois co 16,12% escrutado queda do seguinte xeito:

CANDIDATURAS VOTOS CONCELLEIROS
Partido Popular (PP) 554 (61,49%) 9
Bloque Nacionalista Galego (BNG) 234 (25,97%) 3
Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE) 104 (11,54%) 1

Coido que, por moito que cambie a cousa, a vitoria do Partido Popular en Melide é rotunda, polo que nos vindeiros días a actual corporación deberá reflexionar sobre o que levou a este cambio do cambio, pois parece claro o desencanto da vila co que se fixo nos últimos 4 anos.

Ver actualizacións intermedias ▼

ACTUALIZACIÓN (22:45): Co 100% do voto escrutado, os resultados en Melide quedan como segue:

CANDIDATURAS VOTOS CONCELLEIROS
Partido Popular (PP) 2.755 (55,13%) 8
Bloque Nacionalista Galego (BNG) 1.615 (32,32%) 4
Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE) 545 (10,91%) 1

Chega agora o tempo de dar os parabéns ao Partido Popular de Melide polo seu resultado nos comicios, e agardar que o fagan o mellor posible nos 4 anos que temos por diante.
Tamén destacar que Xorpion, Vaidecaral e Flauter atinaron no seu prognóstico, mentres que as previsións electorais publicadas no blog de PETOTRASEA (con 8 escenarios distintos) non deron pé con bola.

Podemos facer un resumo histórico para analizar estes resultados:

Municipais 2011 Municipais 2007 Municipais 2003 Municipais 1999

PP: 8
(2.755 – 55,13%)
BNG: 4
(1.615 – 32,32%)
PSdeG: 1
(545 – 10,91%)

PP: 6
(2.443 – 45,58%)
BNG: 6
(2.158 – 40,45%)
PSdeG: 1
(499 – 9,31%)
CIDEGA: 0
(213 – 3,98%)

PP: 7
(2.758 – 53,51%)
BNG: 4
(1.428 – 27,71%)
PSdeG: 2
(913 – 17,71%)

PP: 9
(3.034 – 59,2%)
BNG: 2
(894 – 17,44%)
DG: 2
(858 – 16,74%)
PSdeG: 0
(293 – 5,72%)

Con estes resultados case podemos dicir que o PSdeG-PSOE en Melide está a consolidar un chan en Melide (o que ten o seu mérito) superando incluso o número de apoios, pero que o BNG perdese 543 votos e que o PP gañase 312 votos parece reflictir un desencanto xeral cara á formación nacionalista (non só houbo traspaso de votos ao PP, senón que disparáronse os votos en branco e nulos de 37 a 82 e de 32 a 109 respectivamente, ou sexa, que hai uns 122 veciños máis que en 2007 que en vez de quedar na casa quixeron amosar o seu descontento coas candidaturas existentes).

No tocante ás vilas veciñas, xa rematou o escrutinio cos seguintes resultados:
– Santiso: PP (4) – BNG (2) – PSdeG-PSOE (2) – IS (1)
– Toques: PP (4) – XCPT (3) – BNG (2)
– Arzúa: BNG (6) – PP (6) – PSdeG-PSOE (1)
– Palas de Rei: PP (6) – PSdeG-PSOE (5)
O escrutinio en Palas aínda non rematou, pero parece estar todo o peixe vendido en vista da diferenza entre o PP e o PSdeG-PSOE, non repetíndose o resultado axustado de 2007.

ACTUALIZACIÓN (23:50): Confírmase o resultado de Palas de Rei co 100% do escrutino completado. O PP gaña por un concelleiro e por 165 votos (ou sexa, que o PSdeG-PSOE non gañaría nin contando cos 115 votos que levou o BNG).

ACTUALIZACIÓN (25-5-2011): PETOTRASEA vén de publicar un artigo no que se inclúe información por mesas electorais.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS