Parobook, ou Pervi.es creando escola

Tras o rebumbio montado pola vendida de moto dun par de rapaces con Pervi.es os medios de comunicación seguen sen aprender, e tanto La Voz de Galicia como El...

Tras o rebumbio montado pola vendida de moto dun par de rapaces con Pervi.es os medios de comunicación seguen sen aprender, e tanto La Voz de Galicia como El País ou El Mundo veñen de publicar artigos falando do nacemento de Parobook, sen tomar a máis mínima precaución no que escriben.
Parobook
Para comezar, ¿non se decatou ninguén de que plaxiar a portada de Facebook para lanzar unha plataforma semellante non é legal?
Tampouco parece que prestasen atención ao feito de que estamos ante unha web feita con SocialEngine, ou sexa, o mesmo motor que empregou Pervi.es, polo que de seguirmos así cada poucas semanas imos ter nos medios unha nova rede social que vai intentar repetir a xogada.
Pero se nos metemos no que publican os medios a cousa xa mete medo, pois en La Voz comentan que en sus primeros días de vida reunir a más de 14.000 personas, de xeito que vemos que a xente é moi pouco prudente cos seus datos xa que a web carece de contido no apartado de condicións do servizo e non identifica quen está detrás da mesma, ou sexa, que vulneraría tanto a LOPD como a LSSI-CE, de aí que sorprenda bastante que a xente de El Mundo atrévase a soltar chuminadas como que con un diseño inspirado en Facebook, la red social Parobook presenta, sin embargo, unos filtros de privacidad bastante más trasparentes y claros. ¡¿Maaaandeeeeee?! Cando menos, en El País (precisamente dende a súa sección de tecnoloxía) limitáronse a facer unha descripción do servizo, sen realizar ese tipo informacións de pouca solvencia).
Como acontenceu no caso de Pervi.es, os de La Voz tamén engaden que está previsto que en los próximos días sus creadores desarrollen nuevas funciones, polo que haberá que definir o que é o desenvolvemento de funcións, pois dubido que ningún enxeñeiro informático considere que desenvolver algo é instalar un engadido dun CMS.
Parobook volve a demostrar que é moi doado vender a burra á prensa, pero aínda é máis preocupante que a xente confíe neste tipo de plataforma, o que entendo que vén provocado directamente porque o len na prensa (e o cidadán medio non pon en dúbida o publicado en medios consolidados, por falta de criterio).
Non dubido de que a intención dos responsables de Parobook é boa (botando a vista atrás tamén prodúceme tristura ver que o proxecto de Pervi.es non seguise adiante), pero considero preocupante que a prensa continúe a seguir o xogo a certas iniciativas sen aprender de erros pasados. ¿Non son conscientes de que Parobook podería ser unha plataforma para roubar datos persoais e que os xornais estarían a ser complices? ¡Máis sentidiño!

ACTUALIZACIÓN: Miña nai comentoume por teléfono que no informativo de Matías Prats falaron de Parobook, dicindo que rexistrara hoxe máis de 100.000 visitas. Curiosamente na web de Antena 3 xa falaban do tema o pasado martes.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS