O boletín do PP de Melide

En vista de que o Boletín que publicou a pasda semana o PP de Melide está a dar que falar (e moitos non o leron), recollo aquí unha dixitalización...

En vista de que o Boletín que publicou a pasda semana o PP de Melide está a dar que falar (e moitos non o leron), recollo aquí unha dixitalización das súas páxinas (pois non está na web dos Populares de Melide):
paxina 1paxina 2paxina 3paxina 4paxina 5paxina 6paxina 7paxina 8paxina 9paxina 10paxina 11paxina 12
Póndense ver as distintas páxinas picando sobre elas, e tamén se poden descargar todas xuntas nun ficheiro PDF.

De falar do polémico documento teño que comezar dicindo que estou moi a favor da súa existencia. Dado que Melide non destaca pola penetración da Internet, a existencia destes boletíns (tanto dos partidos como das asociacións de empresarios) ten unha función de dinamización social, e chama ó debate, aínda que na súa meirande parte teñan os mesmos defectos:
-maquetación nefasta, fóra de toda norma e de difícil lectura
-ortografía mala tanto en español coma en galego, que se podería evitar con só picar os textos dende o Word co corrector ortográfico instalado

Este boletín non é unha excepción, e así resulta moi díficil de ler grazas a que non se respectan as marxes, se abusa das maiúsculas, se fai un baile de tamaños de tipografías moi amateur, se empregan fondos degradados e escuros que reducen a lexibilidade, as fotografías presentan uns niveis de gris moi dispares (dá a impresión de que se maquetou en cor para logo imprimir en branco e negro) e os contidos están cheos de faltas ortográficas que nalgunha ocasión meten medo. Pero todo iso é a aparencia, que de seguro que non preocupa a moita xente (eu non podo evitar tal por deformación profesional).

Se nos metemos en fariña teño que dicir que se agradece que publiquen informacións coma os resultados electorais, os soldos dos concelleiros, o nomeamento de Ángeles Vázquez coma deputada provincial e agradecementos ós votantes, detalles que xa merecían a edición do boletín, que promete ser trimestral, e que sae no medio das festas do San Roque (polo que ten moito máis impacto que posibles réplicas futuras).
Agora ben, hai detalles que se poden considerar algo torpes, pois poderían estar a tirar pedras contra o seu propio tellado, xa que se mencionan asuntos coma o PXOM (rexeitado por algo), a radio municipal, a depuradora (xa comprometida en 2004), a praia fluvial de Furelos (que xa se declarara non apta para o baño en 2002), a Casa da Cultura… e logo un par de elucubracións un tanto ridículas coma mencionar 2 iniciativas nas que se elixen a 7 concellos galegos e 9 concellos coruñeses para certas actividades e non se inclúe a Melide entre a elite.
No caso das Cidades Dixitais poderiamos dicir que é unha iniciativa que leva anos funcionando, e se Melide non entrou e por motivos doados de entender (tampouco me consta que en anos anteriores Melide fixera nada para entrar no programa iniciado en 2004).
Sobre o de considerar que Melide non é un concello dinamizador coido que non é algo do que acusar a ninguén, senón que só e un expoñente do atraso que está a ter a vila e habería que traballar en recuperar posicións, pero pouco se pode facer nuns meses para levantar a unha área deprimida (e dubido que se poida facer en anos).

humor no boletin do PPDe tódolos xeitos, finalmente a xente non analizou en profundidade os contidos do boletín, senón que quedou coa páxina 11, na que se fan un par de malas caricaturas realizadas mediante un burdo recorte fotográfico no que rin do bipartito e dunha concelleira do BNG. Algunhas persoas amósanse ofendidas coas ilustracións, pero eu coido que estas cousas hai que saber levalas ben, pois non deixan de ser humor (moi lonxe, por exemplo, do caso de El Jueves), aínda que se agradecería que se molestasen en debuxar en vez de facer unha motaxe tan cutre. O texto de apoio tampouco concreta o suficiente como para que todo dios saiba quen son os tres señoritos dos que están a falar.
O que si se podería botar en cara é que estes textos satíricos estean sen asinar, coma o resto dos contidos do boletín agás a última páxina (unha carta de agradecemento de Ángeles Vázquez).

Para rematar repito que gusto moito de que se editase o boletín, e aínda que certos contidos me parezan demagóxicos, considero que é un xeito lícito para chamar ó debate ós melidenses, tanto nas cafeterías da vila coma nos comentarios deste blog 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS